Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 26 de agosto de 2015

O último libro de matemáticas en galego


Nesta táboa recollo os datos do total de libros con ISBN publicados en galego no período 2008-2013. Cómpre dar o aviso de que hai libros editados e que quedan desta catalogación "por materias" xa que pode dar a impresión dun descenso continuado na edición durante todo este período cando durante o 2013 houbo unha pequena recuperación. Poden consultarse todos os datos neste informe do Consello da Cultura Galega.
O que querría destacar é o número de libros de matemáticas que se publicaron neste período. Son poucos e non se poden tirar grandes conclusións, pero chama a atención que o pico máis alto se deba xusto ao ano no que comenzamos a sufrir o funesto decreto 79/2010, o mal chamado decreto do plurilingüismo. Nos seguintes anos a sucesión de libros de matemáticas en galego non parou de baixar: dos 13 editados nos 2010 continuamos con 10, 5, e 1.
No 2013 só se editou un libro en galego de matemáticas. Volvemos ao ano 1979, o da edición do primeiro libro en galego de matemáticas (e tamén o primeiro libro da editorial Xerais), Matemáticas de 1º de BUP, do Colectivo Vacaloura. No 2013 xa atrasáramos 34 anos. Cal será a medida do noso atraso a día de hoxe?
Quixen saber cal foi ese libro, o único libro en galego do 2013, porque sospeito que por un tempo será o último libro de matemáticas en galego. Pois aquí o está, trátase de Matemáticas: grao en comercio, da profesora Amelia Verdejo Rodríguez, da Universidade de Vigo, editado polo servizo de publicacións desta universidade. Incluso podemos consultar o primeiro capítulo, sobre funcións reais dunha variable.
Curiosamente o libro comenza cunha cita da matemática alexandrina Hipatia, unha mensaxe que lle regalo aos defensores do funesto decreto 79/2010, pois eles non defenden o dereito a pensar dos nosos fillos:
Defende o teu dereito a pensar,
porque incluso pensar de xeito erróneo é mellor que non pensar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario