Tal e como denunciou onte ProLingua, esta é a vergoña que temos que soportar os veciños da vila da Estrada por culpa das malas prácticas da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. Velaí o cartel anunciador da edición número 29 da que viña sendo a Feira do Moble de Galicia e que agora, tal e como se evidencia no anuncio deste ano, se converterá na Feria Internacional del Mueble de Galicia. Se quixeran facer un icono do cosmopaletismo non poderían facelo mellor.
Que ninguén diga que non estaba avisado pois hai tres anos xa denunciabamos a pancarta que os organizadores da Feira colgaban nunha das estradas principais da vila para indicar o lugar no que se estaba a celebrar o evento. Agora dáse un paso máis. Tal como xa se puxo en evidencia, alén do ataque á lingua galega o cartel ten para máis escarnio, un evidente mal gusto sexista.
Para quen pense que se trata dun "simple erro", invítoos a que lle boten un ollo ao Dossier Promocional, un documento que non é máis que unha cativa tradución do de anos anteriores, que viña redactado en galego. No novo documento, tal e como denuncia ProLingua, podemos ver un ataque á toponimia que pensabamos xa estaba superado. Aparecen as formas ilegais e estragadas de *La Estrada e *Villagarcía de Arosa.
Máis detalles que dan que pensar. Nos perfís sociais da Feira do Moble a redacción ata hai uns poucos meses era en galego. Era o menos que se podía pedir se temos en conta que normalmente referenciaban ligazóns de informacións xornalísticas sobre as actividades que desenvolvía a Fundación de Exposicións e Congresos e que prácticamente nunca viñan escritas en galego. Pero hai uns meses a cousa cambiou. Basta ver como nesta imaxe como se anunciaba a Feira de labores.
Quen era o responsable da Fundación nesa altura? Quen era o responsable cando se editou o cartel? A que fóra xerente na edición pasada dimitiu no mes de decembro. As decisións foron asumidas polo alcalde José López (do PP) ata que foi elixido como novo xerente a finais do mes de xullo o concelleiro do PP Nemesio Rey. Sexa Xan, sexa Pericán, o culpable da desfeita é o mesmo. Chegados a este punto non podemos esquecer que o político máis destacado do PP local era o que pechaba a lista nas eleccións do pasado maio. O seu nome, Valentín García; o seu cargo, secretario xeral de política lingüística. A complicidade entre el e José López é coñecida públicamente pois eles mesmos se encargaron de difundila nunha serie de vídeos preelectorais na que eran os únicos Hai, polo tanto, unha liña directa entre o vergoñento cartel que anuncia a Feria do Moble deste ano e o máximo responsable da política lingüística galega.
Imaxe do vídeo de propaganda electoral "Para seguir avanzando" Valentín García (esquerda) e José López (dereita) |
Ningún comentario:
Publicar un comentario