Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 31 de agosto de 2015

A chica da curva do Blablacar

por Xosé Manuel Pereiro, en La Opinión A Coruña:


Por Galicia, polo menos polas súas redes sociais e faladoiros virtuais, circula unha nova versión da lenda urbana da "chica de la curva", soamente que neste caso é real. Un mozo, Iago Varela, ofreceu o seu coche en Blablacar, ese sistema de compartir gastos para viaxar, para ir de Vigo a Ourense. Respondeu unha rapaza, Esther:
-Hola, soy Esther. Acabo de reservar una plaza contigo en Blablacar para ir de Vigo a Orense mañana. ¿En dónde me podrías recoger? ¿Y dónde me dejarías?
-Olá! Pois o máis cómodo sería recollerche en Praza América ou Praza España... vaiche ben? En Ourense podémolo mirar, dáme un pouco o mesmo algún sitio do centro.
-Ah pero hablas en gallego y no lo entiendo bien. Mejor reservo en otro coche, gracias.
Tendo en conta que irían catro no coche, que a viaxe non dura unha hora, e que non é obrigado falar para que o chófer non se durma, obviamente non hai problema de ter que entenderse mediante mímica ou o inconveniente de non dominar á perfección a lingua do outro para manter satisfactoriamente unha conversa sobre o concepto divino en Spinoza, como substancia constituída pola infinidade de atributos dos que cada un expresa unha esencia eterna e infinita. "Parece que vai vir calor" significa "Parece que va a hacer calor", e "Vaia verán!" significa "¡Menudo verano!" (cos signos de exclamación ao comezo e ao final). E sempre podes poñer os cascos e dicir que estás a tope co método Vaugham de inglés. Esther, polo apelido, como logo se soubo, é de aquí, e se non entende galego é porque acaba de chegar de Fátima, onde recuperou milagrosamente o oído grazas á intercesión de Nossa Senhora. (Así se explica tamén que non saiba galego pese a ter estudos: pediu exención por xorda).
Inmediatamente, internet encheuse de xente por aí adiante, que nunca pisou Galicia, que se estraña de que alguén teña a ousadía de falar galego diante dun castelánfalante, dando por suposto que a súa ignorancia é xeneralizada. Miren, para atopar a alguén en Galicia que non entenda galego, hai que ir ás portas de chegada dos aeroportos. Que hai quen non o quere entender, ou que lle molesta, hai ben máis, é certo, e se queren dígolle a que portas teñen que ir. Esa xente de por aí ignora que aquí hai amigos, e mesmo parellas, nas que cada un fala o seu, sen que por iso ninguén invoque o comodín da inintelixibilidade. E que a inmensa maioría dos pases do idioma son do galego ao castelán non por razóns de educación (ou tamén), senón de imposición.
Pola lei da atracción dos frikis, apareceu un señor en Facebook, Vicente García Jiménez, que leva "prácticamente un año en la comarca de Ourense" e nunha misa observou que o cura misaba nos dous idiomas. "A ver en que quedamos. Yo creo que es una falta de respeto el decir una misa con puertas abiertas en gallego" (un home comprensivo, non estende a mala educación ao ámbito privado). "Además Jesucristo no era gallego" (todo o mundo sabe que era de Medinaceli, provincia de Soria, pero ao mellor os pais eran de aquí, emigrados). "Señores, dejemos los idiomas raros y hablemos español, que estamos en España" (ben, en España si, pero en Castela non. Se o galego non é español, temos un problema co DNI). "Y ya con los extranjeros que nos visitan, tenemos bastante". Vicente, a pesar de levar case todo un ano na comarca de Ourense, quizais lle estrañaría saber que hai poucas décadas, e aínda hoxe en moitos sitios, o que fala un idioma raro é el.

Ningún comentario:

Publicar un comentario