por María Xosé C. Trillo, no
Sermos Galiza:
Recibo unha chamada telefónica dunha desas novas empresas coas que teño contratada a enerxía eléctrica. O de sempre. Queren que lles expliques as túas decisións, facer un exame exhaustivo de por que fas o que fas ou deixas de facer o que non queres facer. Esa si que é a nova liturxia do mercado libre, a todas as horas tes que facer confesión. Pois a min non me apetece. Non tanto por capricho, senón por principios de autoestima. Mais iso é outro cantar.
O que si amola non é tanto que unha muller che fale en castelán e che pida que ti te pases a lingua que fala, ou que lle requiren falar no seu traballo. O que me pregunto é cómo -se xa se dá por feito que estamos nun Estado plurinacional (cousa que eu poño entre aspas)- non fan un varrido para contratar tamén a persoas que se expresen indistintamente nas linguas cooficiais do Estado español. Non debera ser tan complicado!!
Dos 43 millóns de habitantes do Estado, uns 13 millóns potencialmente vanse expresar quer en galego, quer en catalán ou euskera, etc.. Sería tanta complicación na xestión das empresas que se lucran do aproveitamento dos recursos naturais alleos, facer contratos a persoas con dominio das linguas das nacionalidades históricas?
A teleoperadora coa que eu falei, ben pode usar exclusivamente o castelán para falar con case 30 millóns de persoas que viven baixo o dominio do Estado ¿plurinacional? español; mais é completamente absurdo pretender que se poden comunicar libremente con calquera. Para conectar coa clientela galega é preciso contratar persoas galegofalantes, bastaría con fixarse nos prefixos telefónicos das comunidades coas que conectas, para darte conta que non podes incordiar a calquera hora e esixir que a xente che responda na lingua que decida empregar a empresa susodita. Hoxe é o castelán, mais mañá a globalización pode afearche a túa cultura por non falares chinés, francés, inglés, alemán ou xaponés. Eu quero destacar que as empresas que comercializan e facturan en Galiza deben respectar a lingua que eu falo.
Non estou disposta a mudar a miña lingua, nin o meu xénero, nin o peiteado, nin a ideoloxía cada vez que atendo unha chamada telefónica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario