Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 5 de agosto de 2016

Apartheid

por Xavier Queipo no Sermos Galiza:

Eu adoito meter o fociño onde non me chaman. Ás veces o resultado é positivo e saio co fociño indemne e outras con el adoecido. Así e todo, e a risco de non estar a ben con todo o mundo (non se pode), vou expresar en síntese as miñas ideas sobre ese manifesto que circula pola rede e que xa recibín unhas cantas veces, sobre o chamado apartheid lingüístico.

Apartheid é verba afrikaner, un derivado do neerlandés, onde “heid”, quere dicir comportamento (como en vrijheid, que ven significar comportamento libre ou liberdade) e “apart”, indica separación, como semella evidente. O apartheid é, pois, un comportamento. Apartheid lingüístico sería o que sufre o galego, independentemente da grafía escollida, cando se exclúe da meirande parte dos medios de comunicación, por exemplo, onde ten unha presenza residual (imaxino que pola falta de compromiso económico daqueles que defenden o galego como lingua do país e logo non invisten en crear e promover e consumir uns medios en galego).
Xa hai unha morea de anos, no desaparecido semanario A Nosa Terra escribín: No noso país sen estado (Galiza, xa saben) coexisten dúas comunidades culturais que se ollan de esguello e apenas se relacionan entre elas. Tal parece que isto non acontece só entre castelán e galego falantes, senón entre criadores en galego que utilizan grafías diferenciadas. O problema é pois, complexo. Trátase, segundo os impulsores dese manifesto, dun apartheid duplo. A solución, como sempre que existe un problema complexo, é ir debullando unha a unha as capas que envolven o núcleo (sexa do millo, da cebola ou do asunto). A solución é analítica e non sentimental ou reivindicativa. A solución non pode partir de presupostos falsos, que mesturan o feito de que a fala sexa diferente en distintas comarcas (o que acontece en todas as linguas normalizadas que eu coñeza) coa necesidade de aceptación xeneralizada dunha grafía dupla, a oficial (sospeitosa de reaccionaria) e a “integracionista” (próxima da portuguesa e, polo mesmo, facendo un chimpo emocional que identifica Portugal con progresismo, a máis acaída ao uso do galego).
Non prexulgo que a grafía actual adxectivada de “oficial” sexa tecnicamente mellor ou peor que a grafía “integracionista”. O certo é que ningún dos escritores que eu teño como mestres inalcanzábeis para as miñas capacidades (Otero, Cunqueiro, Casares, Novoneyra), nin aqueles que os precederon escribiron nesa grafía “integracionista” nin tampouco na “oficialista”, e aí dareille razón a quen a queira.
Sei por referencias dun meu amigo, Antón Viale, que existen linguas con dúas normas ortográficas que coexisten no uso, como é o caso do noruegués. Mais convirán comigo que o que adoita acontecer é o uso dunha grafía única para caracterizar unha lingua. Cando así falo non é como técnico filólogo que non son, senón como usuario da lingua. Polo que teño escoitado de compañeiros escritores con formación e praxe da filoloxía, as opcións escollidas pola normativa oficial (ou impostas segundo outras versións da historia) non serían as mellores. Daquela, hai que discutilas, puír os argumentos e traballar pola súa modificación / adaptación/ aggiornamento.
A chave da discusión é sempre a mesma: quén, cómo e cando facer esas modificacións. Difícil decisión nun país de tantos egos e confrontos, de tanta división e minifundismo ideolóxico, onde todos (non me vou pór fóra) actuamos con orelleiras e non queremos ver as razóns do outro. En calquera caso os cambios necesarios terán de ser discutidos co obxectivo de fortalecer a lingua en troques de minguar, aínda máis, o seu uso. Iso é: diálogo sen liñas vermellas.
Convirán tamén comigo que as modificacións ortográficas, unha vez fixadas, fan acordar os instintos máis básicos dos usuarios, como se demostrou recentemente na oposición as modificacións suxeridas á grafía francesa ou a negativa frontal a aceptar a grafía de consenso no eido lusófono. Coido que non está a nosa lingua cunha saúde de ferro como para propor unha modificación substancial na súa grafía, mais xa digo, isto non é da miña competencia, pois, se cadra tamén, é o xeito de turrar dela cara adiante.

Estou a prol da liberdade de expresión de ideas e tamén da liberdade de uso da lingua, por descontado, en particular no eido literario, que considero de experimentación constante, renovación léxica e estrutural. E non o estou de xeito teórico senón práctico, pois sempre que tiven ocasión participei en proxectos comúns con colegas escritores que utilizan a grafía “integracionista”.

A risco de non estar a ben con todo o mundo (non se pode), expresei, en síntese, as miñas ideas sobre o chamado apartheid lingüístico. Agora só queda, dialogar e dialogar até acadar unha grafía única. Se hai problemas de que eu non me sento con este ou estoutro, haberá que revisar os nosos comportamentos e as nosas actitudes, procurar un mediador, se fose o caso, e actuar coa idea de servir ao país, xa dunha vez, e deixarse de lerias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario