Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 14 de agosto de 2016

Lingua materna vén de matar

por Inma López Silva en La Voz de Galicia:

Eran emigrantes de vacacións. «Aquí a xente viste guai», dixo un con ese acento dos mozos que almorzan en galego nalgún suburbio de Lucerna, «alá non hai tendas de roupa bonita e barata, de feito só hai un Pull&Bear en Zúrich». Díxoo así, pulundbar, á alemá, e as curmás riron. «Dise pulandbiar», díxolle unha delas. «A saber como se di!», mediou alguén desde outra mesa. Naqueloutro lugar, tomaba o café a xeración dos que non mercan roupa en Pull&Bear porque xa non están para pantalóns rachados nin croptops co embigo ao aire. Os mozos erguéronse, e a rapaza galega que pontificara a perfecta pronuncia british da tenda de Arteixo, anunciou «Papá, pirámonos», e liscaron desa forma na que universalmente liscan os adolescentes, camiñando coma se arrastrasen nos pés un peso eterno. «Como pasa o tempo», sentenciou unha muller duns corenta anos, guapa, mentres os miraba afastarse. Había nesa frase unha nostalxia sen fin.
De súpeto chorou un bebé. «Mira se pasa o tempo, que antes non estabas e agora naciches!» Riron. Ao pé dela, a súa nai colleuna, díxolle «Tés famiña?», e púxoa á teta. Os demais miraron a escena con tenrura, pero un dos homes rachou o momento: «E como? Faládeslle galego á nena?». O pai asentiu: «Xa sabemos que é inútil, pero tampouco vai ser suíza de todo». «Mira para os primos», dixo a nai sen deixar de ollala, «falaban galego entre eles alá, e desde que puxeron os pés aquí, non hai maneira». «E total, para que o queren?», dixo o mesmo que preguntou ao principio. Todos quedaron pensando.
Ao marchar, deixándoos coa súa felicidade estival, tamén eu sentín nas pernas o peso dun país que mata a súa lingua, e dálle igual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario