por Xavier Alcalá en La Voz de Galicia:
Aconteza o que acontecer en Galicia o próximo 25 de setembro, continúe o Alberto (Alberte) Núñez (Núnez) Feijoo (Feijó, a pronunciar Feishó) ou non presidindo a Xunta, a historia da lingua galega haberalle dedicar un capítulo a este político: o da consolidación do neocastrapo. El é paladín de tal fala e contou coa axuda inestimable de dona Pilar Rojo (¿Roxo?) á cabeza do Parlamento.
Se -simplificando- castrapo é un patois que conserva a estrutura lóxica e fonética do galego mais está inzado de castelanismos léxicos, neocastrapear vén sendo traducir ao galego o madrileño, castelán empobrecido, mechado de termos e expresións do cheli que o fan inintelixible para os hispanofalantes do mundo.
Recentemente, nas feiras do libro de Miami, Guadalaxara de México e Buenos Aires repetiuse a queixa: as traducións ao castelán que se fan en Madrid son intragables. E ese idioma intragable é o que hoxe se verniza de galego para discursos políticos. Ora, que o licenciado Núnez sexa adaíl neocastrapista (e a súa fala, paradigma) non escusa a Ana Pontón, Xoaquín Fernández, Luís Villares (Vilares), Carmen (Carme) Santos ou a nova contendente Cristina Losada (Lousada) da disolución do galego no madrileñata.
A calquera deles pódeselle escoitar «fai anos que o marrón dos incendios se o comen as brigadas»; «con estos vimbios imos a rematar axiña o que eles todavía non se curraron»; «ti eres un candidato superguay y ves a gañar con nós»; «Galicia camiña hacia a súa destrución e o Feikhó non se dá enterao»; «lles invitamos a elas porque nos mola ir xuntas en política. A que esté de acordo, que dé o paso»; «que esos o hayan falao en comisión non mo creo, tío, nin cho creas»... etcétera: como di o Feijó, un «hartazgo» (con prosodia da SER, da TVE e de Ramoncín).
Na última Feira do Libro de Buenos Aires, o profesor Alonso Montero -ou Afonso Monteiro, segundo o dicionario de apelidos da Academia que preside- dixo a un público internacional que a Real Academia Galega é a «única» (sic) institución con autoridade ante a Xunta de Galicia canto á norma do idioma. Sendo así, sorprende logo o seu silencio, o seu deixar pasar fronte á praga do neocastrapo, que espallan os políticos con apoio da CRTVG. De non ser a única, por favor, que algunha outra con verdadeira auctoritas se manifeste.
Ningún comentario:
Publicar un comentario