Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 21 de outubro de 2016

Na lingua dos defuntos

por Xosé Rodríguez, no Galicia Confidencial:

A memoria lingüística dos veciños da parroquia de San Facundo de Ribas de Miño do Concello da Paradela (Lugo) está correctamente reflectida no seu cemiterio. É un exemplo que non debera pasar desapercibido. Tomouse esta coherente decisión en 1997 cando a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia dicidíu levantar os enterramentos do adro da igrexa do século XII co gallo da súa restauración; trasladou os restos a un novo cemiterio, pero tivo o bo acordo de galeguizar as lápidas.
Os máis de 3.750 cemiterios que hai en Galicia, porén, ofrécennos unha realidade distorsionada do feito lingüístico. Como é posible que aqueles que foron galego falantes despois do seu pasamento sexan recordados nas lápidas en lingua distinta da súa? Pois élles así. Os datos que nos ofrece o Instituto Galego de Estatística sobre a realidade sociolingüística dos concellos non deixa lugar para dúbidas. Para mostra un exemplo: o de San Xoán de Río (Ourense) é o máis monolingüe,seica. A totalidade dos seus habitantes pensan e senten en galego a todas as horas e días do ano; sen embargo, só hai unha lápida en galego. Este é o inventario realizado o ano pasado.
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia vén demandando desde hai máis de vinte anos a colaboración de concellos e movementos culturais para corrixir esta distorsión cultural producida por vellas inercias e tamén, porque todo hai que dicilo, polas prácticas das funerarias que non recoñecen a cooficialidade lingüística de Galicia. As floristerías e marmolerías son tamén responsables na parte que lles toca.Todo isto unido á falta de autoestima dos galegos fai que se produzan tales anomalías. Menos do tres por cento das esquelas que se publican redáctanse en galego; e só unha de cada mil lápidas reza do idioma do defunto. De aí que as institucións públicas que teñen o mandato legal de promover o fomento da lingua galega, deben organizar cantas accións de pedagoxía social sexan precisas para reconstruír a identidade galega.
O Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, que este ano cadra o día 29 do mes que andamos, vai ser conmemorado unha vez máis por moitos concellos con diversos actos, galeguizando as rotulacións dos cemiterios e colocando unha placa nun lugar ben visible que diga: “Na memoria de todos os que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”. O Concello de Mondariz inaugurará tamén un monumento coa gravura do coñecido poema de Celso E. Ferreiro “Fuco Pérez Sen Segundo” no camposanto na parroquia de Gargamala. Nalgúns cemiterios tamén serán substituídas lápidas en castelán por outras en galego, por decisión propia dos familiares. A súa celebración é, xa que logo, unha data para rendérmoslles admiración e agradecemento a todos os que nos precederon pola súa contribución ao noso patrimonio cultural e lingüístico.
Paralelamente a esta acción procederase á sinatura das Actas de Vontades nas que os asinantes deixarán constancia do seu desexo de que todo o relativo ao seu pasamento se realice en lingua galega; manifestación realizada xa por máis de cinco mil persoas durantes os últimos anos. A colección de libro titulada “En galego,agora e sempre”, editada pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia recolle sentidas e fermosas mandas testamentarias.
A Fundación de feiras e exposicións de Ourense (Expourense) que organiza Funergal (feira internacional de produtos e servizos funeracios) ofrécenos este marco para chegarmos a un acordo coas empresas do sector en Galicia co recoñecemento da cooficialidade lingüística concretado na prestación dos seus servizos en lingua galega.
Fagamos posible que as “parroquias dos mortos” falen a lingua das “parroquias dos vivos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario