Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 29 de decembro de 2016

O galego na educación infantil: medidas excepcionais para unha situación de emerxencia

por Xosé-Henrique Costas González, Membro da Cerna de ProLingua, unha nova voz de ProLingua:

Saíu á luz estes días un novo número da Revista Galega do Ensino que edita Nova Escola Galega (NEG). Este número de agora vai dedicado á lingua galega na Educación Infantil.



Quixera sobrancear a valentía da NEG para pór encol da mesa un tema que a Xunta de Galicia silencia e que os medios esquivan: a desaparición do galego nos centros de Educación Infantil das cidades e vilas de Galicia, o que vale dicir a desaparición da lingua galega como lingua viva entre os escolares das cidades e vilas de Galicia.

Independentemente de decretos máis ou menos favorables ao galego, o problema ten a súa raíz na Lei de Normalización Lingüística de 1983, pero nel tamén temos a chave da solución, temos a raíz do problema e tamén a chave para as posibles solucións. Lembremos que os artigos 13.1 e 13.3 desta lei sempre colisionarion, sempre foron incompatibles nas áreas urbanas:

Art.13.1. Os nenos teñen dereito a recibir o primeiro ensino na súa lingua materna.
Art. 13.3. Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razón de lingua. Tamén se evitará, a non ser que con carácter excepcional as necesidades pedagóxicas así o aconsellasen, a separación en aulas diferentes.

Durante os últimos 30 anos non se garantiu en absoluto o dereito (art. 13.1) dos nenos e nenas cidades e vilas a recibiren o seu primeiro ensino en galego. En absoluto. Porque prevaleceu o artigo 13.3 (non separación dos alumnos por razón de lingua) sobre o artigo 13.1. (garantía de ensino na lingua materna do alumno). E iso foi así sempre, baixo todos os gobernos.

Baixo o goberno PSOE-BNG déronse pasos esperanzadores, a implantación das Galescolas (nas actuais Galiñas Azuis a lingua castelá é a maioritaria ou única nos centros urbanos ou semiurbanos e a que lle dá gana ao profesorado no resto dos centros), a implantación de liñas de inmersión en galego nunhas corenta escolas de Educación Primara etc. Pero era tanta a imposición do galego que Feijoo veu poñer orde e harmonía lingüística no Ensino Infantil e Primario co bilingüismo español-castelán, que é o único bilingüismo audible nos centros urbanos e vilegos.

As nosas fillas e fillos criados en contornas urbanas nunca tiveron garantido o seu ensino na súa lingua, porque eran minoría en cadansúas aulas ou escolas (e cando eran maioría eran ignorados), ou simplemente porque as direccións dos centros fixeron caso omiso de todo alicerce de todo decreto de ensino: que os nenos acabasen a escolarización obrigatoria dominando as dúas linguas oficiais da comunidade autónoma, a propia de Galicia e oficial no estado español. Os contacontos que andan polas escolas dos centros urbanos saen deprimidos cando os nenos lles preguntan “¿Qué es una “bolboreta”? ou “¿Qué es un “coelliño”? Non saben nada de galego, nada.

Todos os estudos sociolingüísticos e prospeccións colexio a colexio (RAG, MNL etc.) indican que o galego está practicamente borrado do mapa de Infantil e Primaria nos centros urbanos e vilegos (arredor do 5% dos centros, o que indica que o 95% dos centros usan só o castelán ou máis o castelán), a pesar dos excelentes materiais pedagóxicos, didácticos e audivisuais cos que contamos en galego. Alguén cre que con este panorama se pode conseguir o obxectivo de que os nenos dominen de maneira semellante as dúas linguas ao remate da educación obrigatoria? Para nada, polo menos na oralidade para nada. U-las avaliacións anuais que ten que facer a Consellaría de Educación sobre os beneficios fantásticos do Decreto de Plurilingüismo? Ulas ?

Este modelo “Plurilingüe” proposto polo goberno actual non garante a formación de persoas competentes a nivel oral en galego, nin escolares que se socialicen entre eles en galego, todo o contrario, os poucos galegofalantes acaban sendo absorbidos polo ambiente en poucos meses de escolarización. O proceso contrario non se dá, e era o que se tiña que dar para que os castelanfalantes monolingües de casa (que xa son o 51% dos nenos) teñan un contacto real co galego e poidan chegar a sentirse cómodos falándoo, pois do contrario nunca o falarán.

Secasí, coido que xa vai sendo hora de que, en aras de garantir o cumprimento do art.13.1, os partidos políticos da oposición parlamentaria, os sindicatos de ensino, as ANPAS e a sociedade civil en xeral invoquen as “medidas excepcionais” que prevé o art. 13.3 para separar os rapaces por lingua en aulas ou en centros diferentes. Está visto que non hai outra maneira de garantir que os (poucos) nenos galegofalantes de contornas urbanas manteñan a lingua na escola. É a miña opinión despois de pasar dúas veces pola dificultade de criar fillos galegofalantes hai 20 anos na cidade de Pontevedra e actualmente na cidade de Vigo.

Reclamo a urxente adopción de medidas extraordinarias na Educación Infantil e na Educación Primaria e a designación ou asignación de Escolas ou Aulas onde a educación teña o galego como lingua vehicular e socializadora. E nestes momentos hai xa unha situación excepcional que así o aconsella, tal e como se prevé no art. 13.3 da Lei de Normalización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario