A obra de Rosalía acompáñame desde a adolescencia. Foi, como non, unha das miñas primeiras lecturas en lingua galega, lectura, no meu caso, orientada pola miña profesora nas aulas do Instituto, Pilar García Negro que, nun tempo en que non había aínda ensino regrado desta materia, permitiunos a moitas rapazas descubrir a literatura galega e, moi en especial, a potencia e orixinalidade do discurso rosaliano. Por tanto, para min, ler Rosalía resulta indisociábel da reflexión sobre a problemática das mulleres e, tamén, da sorprendente descuberta de ter diante unha voz que falaba desde unha clara conciencia da propia identidade como muller. Con todo, o certo é que esta ollada desprexuizada sobre a produción rosaliana non era, nin de lonxe, a máis común na altura pois, como é ben sabido, pesaban sobre ela preconceptos fortísimos.Foi a partir de 1985, desde a celebración en Santiago do congreso Rosalía de Castro e o seu tempo, e especialmente na última década, que a súa obra foi obxecto dunha profunda revisión crítica; os numerosos traballos publicados estes anos favoreceron a aparición de contributos innovadores a través dos que se foi consolidando unha imaxe moi diferente da autora (muller culta, heterodoxa, librepensadora e con vontade decidida de ser una escritora profesional), ao tempo que se insistía na complexidade e radical modernidade do seu programa literario. Desvendouse, así, unha imaxe diferente de Rosalía e, obviamente, unha lectura da súa obra moito máis reivindicativa e transgresora que a estabelecida até entón. Ao tempo, procedeuse á revisión (e á contestación) dun elevado número de tópicos que, ferreamente instalados entre parte da crítica tradicional, condicionaran en gran medida a interpretación da produción literaria de Rosalía e, mesmo, do seu significado como referente simbólico, tanto para os seus contemporáneos, como en etapas posteriores. Dúas son para min as liñas centrais que organizan o conxunto do discurso rosaliano. Por unha parte, a decidida vontade de intervención que revelan os seus textos, nos que se constata o compromiso de Rosalía con posicións ideolóxicas consideradas progresistas e, mesmo, radicais no seu tempo (defensa das clases populares, esforzo pola dignificación e rehabilitación da Galiza e, tamén, da lingua galega, símbolo fundamental no proceso de creación dunha literatura nacional). Por outra, a conciencia xenérica. Sempre presente ao longo do seu discurso, esta preocupación feminista tórnase explícita na denuncia das limitacións de todo tipo, así como do tratamento desigual que reciben as mulleres e os homes na sociedade patriarcal. Tamén na constante reflexión sobre a problemática específica que conleva o feito de ser escritora e, aínda máis, de escribir sobre a situación das mulleres. Esta é, en fin, a miña Rosalía, a subversiva, a feminista, a que se ten convertido, de novo, en elemento inspirador, proba da vixencia e radical modernidade do seu discurso.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
domingo, 19 de marzo de 2017
Rosalía, discurso moderno
por Carme Fernández Pérez-Sanjulián, en La Voz de Galicia:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario