Nesta charla das Mareas de Vigo participan Xurxo Martínez, técnico en normalización do SNL de Redondela, Marga L. Barreiro, concelleira da Marea en Vigo, pero sobre todo, Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e especialista en toponimia, aquen sempre é un gusto escoitar porque enche o seu relatorio de curiosidades. A súa intervención comenza a partir do minuto 17.
Navaza comenza lembando as polémicas na denominación de concellos con nomes normais e alcaldes problemáticos. Cita o caso de *Puenteareas ou o de *Riveira. Hai outros casos nos que aínda que está claramente documentada unha determinada denominación, pero dexasustes administrativos ou o desleixo do Consello da Xunta, manteñen unha forma oficial incorrecta. Tal é o caso da *Cañiza (debería ser A Caniza) ou de *Santa Tegra, na Guarda (debería ser Santa Trega).
Grazas a que en Galicia se estableceu que a toponimia era responsabilidade da Xunta, e non dos concellos, puido facerse moito máis que noutros territorios, e iso que partíamos dunha situación de moita maior deturpación.
Sobre a denominacións que son competencia dos concellos, rúas e prazas, destaca o chamado modelo toledano. En Toledo retiraron os nomes das rúas adicados a personaxes para recuperar o topónimo tradicional do lugar. En relación con este tema, no segundo vídeo fai referencia a un tipo de castelanización atrabiliaria. En Lalín, nun lugar coñecido como o Areal, o concello nomeouno como rúa Concepción Arenal. Para poñerse a mexar e non botar gota.
Navaza fai un repaso da toponimia das parroquias viguesas. Sobre o propio nome da cidade, relata que vén de vicus, que significa fila de casas. Esta palabra dou orixe a outras relacionadas como veciño ou veciñanza. Ofreceu o dato de que hai 14 Vigos en Galicia e fixo referencia ao tráiler que acabou atrancado nunha corredoira do Vigo que hai por Padrón. Tamén recordou a resistencia dos que pretendían a denominación de *Valladares á parroquia de Valadares.
Ao falar de Alcabre fai todo un dircurso sobre o celtismo e a toponimia prerromana. En concreto a terminación bre ten o significado de "castro". De ahí a redundancia do topónimo Castrobre.
Por rematar, unha última pincelada referida ao lugar de Barcia de Mera, en Mondariz. Alí celebrábase a advocación a S. Amaro, que fora soldado romano. Chegou un momento, no século XVI, no que este santo de tradición galega, non foi identificado pola Igrexa e cambiou o santo do lugar polo do bispo S. Mauro. Agora, nas festas sacan dous santos en procesión. Un vestido de romano e outro coa mitra á cabeza. Din que un é o santo de novo, cando soldado, e o outro de maior, xa con cargo eclesiástico.
Qué boa idea!!
ResponderEliminar