Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 28 de abril de 2017

*Riveira, o topónimo deturpado, apoiado outra vez pola SXPL

Fonte
Estoulle enormemente agradecido á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) por facilitarme esta foto e esta noticia. Tal é o grao de impunidade no que se moven que non gardan nin as mínimas formas. 
Como todo o mundo saberá, o goberno municipal do concello de Ribeira mantén unha guerra absurda, propia de babecos e ignorantes: está obstinado en deturpar o topónimo da cidade e, a pesar de moitos avisos, peticións e insistencias, mantéñense día a día fóra da legalidade e o mínimo sentido común, escribindo obsesivamente a monstruosidade *Riveira. Para comprobalo, basta ver o atrabilio portal do concello (eles escribirían *atraviliario). Mais, isto, con ser malo, non é o peor.
O caso é que a SXPL, apoiu unha feira educativa, aberta onte en Ribeira, sabendo como sabe, cal é a postura do alcalde e do goberno municipal, de insistente incumprimento da Lei de Normalización Lingüística (LNL). Non será hora xa (pasaron máis de 30 anos), de que todas as entidades que reciban o apoio, non só da SXPL, senón de calquera organismo da Xunta, que se lle esixa o cumprimento da LNL? Entón, que fai o organismo que tería que estar acotío esixíndoo, apoiando un acto que ten un cartel anunciador asinado polo concello de *Riveira?. Con todo, isto non é o peor.

O peor é esta forma de actuar, esta fachenda, este desprezo á cidadanía que temos orgullo da nosa lingua. O peor é publicar, como se fose algo do que gabarse,  a noticia de que se apoia unha feira no que o nome real do concello está ausente, e que, para colmo, aínda se colgue unha foto na que se certifica que todo é igual, que poden seguir destrozando a lingua como lles pete. Con todo, isto aínda non é o peor.
Titulei a entrada "*Riveira, o topónimo deturpado, apoiado outra vez pola SXPL". Si, o peor non que hoxe se cometan este tipo de abusos, pois aínda máis malo é que xa non é a primeira vez vez que o fan, e de seguir nas mesmas mans, verémolos repetidos. Iso si que será o peor.



Ningún comentario:

Publicar un comentario