Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 17 de novembro de 2017

Non des a esquecemento

por Xabier P. Docampo, no Praza Pública:

Deume onte por complementar un chío que poñía Xoán Bascuas en Twitter sobre da obriga de falar galego que teñen os cargos públicos, e fíxeno con referencia ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que se aprobou por unanimidade no Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004 (xa van aló trece anos). Daquela era, se non me equivoco, presidente da Xunta Fraga e vicepresidente Núñez Feijoo. E ese compromiso non tivo trasacordo parlamentario que eu saiba. Segue por tanto vixente.
A que vos estou a falar de cousas esquecidas? Xaora, non hai mellor caniño para o poder de non cumprir un mandato ou recomendación do lexislativo: facerlle o esquecido. Dese xeito provocan a nosa desmemoria e nós tamén nos imos esquecendo do asunto. Non hai que opoñerse, non hai que enfrontarse, chega con non negalo, pero, iso si, non atendelo nin cumprilo. Coma o mal pagador: non che nega nunca a débeda, pero tampouco cha paga.
Porque, que foi daquel PXNLG que, por exemplo no caso que citaba Bascuas de tres directores xerais da Xunta de Galicia que se expresaban en castelán nun acto público, obrigaba por compromiso do Parlamento a facelo en galego? Esquecérono eles e esquecémolo nós, por conseguinte non o esiximos. Xa sei que non é lei, que só é un compromiso das forzas políticas presentes no Parlamento (máis ou menos, as mesmas que hai agora), pero, que pensan os nosos políticos de quen non cumpre os compromisos adquiridos pública e libremente no Parlamento?
Non sería ben botarlle un ollo a aquel compromiso que foi a aprobación do PXNLG e ver de cumprilo no canto de facer coma se non existise? Porque témolo e segue vixente. Nel traballaron arreo moitos meses especialistas de todo tipo, e houbo fondas discusións para chegar a acordos que todos aceptaron, e agora xa é un papel inútil que a ninguén obriga. E con el foise tamén a obriga moral dos cargos políticos galegos de dar testemuño do respecto e da validez universal da nosa lingua falándoa en todos os actos públicos que se celebren en Galicia. En todos! Porque hai casos ridículos nos que os que o fan con frecuencia, como é caso do actual presidente (aínda que cada vez peca con maior teimosía contra o PXNLG), que cando lle vén o xefe, o señor Rajoy, coñecido galegófobo e negacionista, fálalle, nun xesto de humillación xenuflexa, en castelán. Fálelle en galego, señor presidente, que o entende, xúrolle que o entende. Ou unha posíbel candidata á alcaldía da Coruña que cando fala como tal candidata faino en castelán e cando o fai como Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, faino en galego maiormente. Isto é elevar a diglosia á categorías que se lles pasaron por alto aos sociolingüistas. Dous casos que destaco por chuscos, pero hai moreas deles.
Rescatemos o noso Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e poñámolo diante dos nosos políticos, pasémosllo polos fociños as veces que sexan necesarias. Obriguémolos a lelo con atención. E despois esixamos o seu cumprimento, obriguémolos a poñelo en práctica, porque aí está. Xa con anos, pero vivo, vizoso e ademais noviño do paquete, a estrear.

Ningún comentario:

Publicar un comentario