Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 17 de novembro de 2017

(In)dignidade nos Premios San Martiño de normalización Lingüística

Os premios San Martiño de normalización lingüística teñen xa unha longa traxectoria. Están convocados pola asociación O Brado, e recoñecen persoas e colectivos que destacan no seu labor de promoción do galego. A iniciativa, unha moi boa idea, conta co apoio do concello da Estrada. Curiosamente estes premios, aínda que non teñen subvención da SXPL, son un escaparate no que aparece decote con papel protagonista Valentín García, o secretario xeral dunha política lingüística que ten relegado ao galego aos cavorcos da marxinalidade. Dirase que este proganismo lle ven por formar parte do padroado que outorga os premios. Nese caso, asumirá, máis que ningún outro o desaguisado que cometeron este ano ao darlle o premio da modalidade "A Estrada e comarca de Tabeirós Terra de Montes" a unha asociación, Codeseda Viva,  que ten como tarxeta identificadora un portal web (codeseda.com) que leva 17 anos publicando exclusivamente en español, e que só hai uns meses comenzou a traducir ao galego unha pequena parte dos seus contidos.
Coñecía hai tempo o portal codeseda.com, unha proposta con moitos aspectos positivos xa que recupera e pon en valor non poucos tesouros patrimoniais e históricos da parroquia estradense. O mundo rural necesita de iniciativas neste sentido, que as promocionen e den relevancia, sobre todo nunha época na que sofren políticas de desmantelemento e desvalorización. Agora ben, non ten sentido vestir a un santo espindo a outro, por iso sempre me dou moita mágoa que un portal tan ben argallado perdese o esencial do seu valor por facer renuncia da lingua dos veciños de Codeseda.
Por todo isto non me estrañaría que lle recoñecesen a Codeseda Viva o valor do traballo feito recuperación do patrimonio (aínda que eu disentería pois considero o asunto da lingua fundamental), pero outorgarlle un premio á normalización lingüística a quen refugou do galego e quen só o emprega accesoriamente é unha auténtica barrabasada,... e que se faga co apoio explícito do secretario xeral de política lingüística  indica ata que nivel chega a desfeita do goberno da Xunta no eido da normalización.
Non deixo de preguntarme que é o que estarían pensando os outros dous premiados no acto de entrega do galardón que se celebrou o pasado martes (14/11/17). Se teñen dignidade deberon sentirse moi avergoñados. Incidindo na mesma cuestión, se Codeseda Viva actuase con dignidade, nunca recollería un premio á normalización lingüística porque ben sabe que non o merece. Finalmente, se Valentín García quixese acubillar algo de dignidade, dimitiría inmediatamente, aínda que isto non cambiaría para nada as cousas porque a cadeira que ocupa é a máis cargada de indignidade das que hai en San Caetano e ninguén cunha ínfima fracción de amor propio aceptaría sentarse nela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario