Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 13 de novembro de 2017

Galego de laboratorio

por Manuel Rey en GCiencia:

“Aínda hai mentes estrañas que pensan que non se pode facer ciencia en galego“, reflexionaba hai uns meses un científico do noso país. Dío alguén que percorreu medio planeta e que traballou nunha das mellores universidades do mundo. Algo máis aló de Pedrafita si que foi. Todos escoitamos algunha vez as críticas cara o “galego de laboratorio“, ou as súas variantes -“xunteiro”, “do telediario”, etc.- en contraposición a un suposto galego xenuíno e popular, ás veces castelanizado de máis. Curiosamente, un galego que ofrece unha enorme gama de variantes e matices a través do territorio. Son ideas que equiparan a normalización da nosa lingua coa artificialidade e cunha crenza errónea de imposición. Non por casualidade, estas ideas rematan entroncando co illamento que o galego aínda sufre hoxe na ensinanza científica e tecnolóxica. Imos ver:
Sempre fomos lingua de pobres e poetas, lingua do pobo. Despois da escuridade e da noite de pedra, fomos quen de coller o galego das casas, das agras e dos portos e levalo, non sen atrancos, ás aulas, aos hospitais, ás xanelas da administración, aos medios e á cultura.
E desde os seus comezos, o sistema cultural galego centrou nas artes e nas humanidades os seus esforzos na difusión do idioma. Grazas a este labor, hoxe gozamos dunha notable e constante produción literaria e artística de noso. Incluso se asumiron algunhas normas non escritas que non deixan de ser paradoxais: ao falar sobre cultura, os medios nos que predomina o castelán mudan de xeito sistemático ao galego. Pequenas conquistas, mais insuficientes.
“O sistema cultural galego centrou os seus esforzos nas artes e as humanidades”E a ciencia? Onde ficou a ciencia? É certo que o inglés manda, como lingua académica de referencia, e que os nosos científicos deben publicar nese idioma para daren a coñecer os seus avances nas revistas de maior impacto. E en menor medida, tamén manda o castelán. Pero debe significar isto unha renuncia? O problema non está aí. Aparece moito antes, xa na infancia, cando esas “mentes estrañas” das que falaba o científico deciden, por exemplo, que os nosos nenos e as nosas nenas non poden aprender matemáticas en galego durante o ensino primario. Por que? Tan complicado é dicir “álxebra”,” tanxente”, “eixe” ou “converxente”? Na secundaria tampouco se pode falar de tecnoloxía, física ou química no noso idioma. Por que non se pode dicir “funil”; “baleiro”, “osíxeno”, “xofre” ou “chumbo”? O que se deixa de nomear acaba por non existir e morre.
Houbo que agardar ata este mesmo ano, 2017, para que unha editorial galega apostase por unha colección dedicada en exclusiva a libros de divulgación científica escritos na nosa lingua. Con esta iniciativa “a cultura galega madurou por fin”, engadía o científico do que falamos ao comezo. Así como tivemos a Rosalía temos a Ángel Carracedo e tivemos a María Wonenburger, a Ángeles Alvariño, a Parga Pondal ou Ramón María Aller, e é a nosa obriga dar a coñecer as súas brillantes traxectorias.
Un país que desexe prosperar debe apoiar aos seus científicos e ás súas investigacións. Do mesmo xeito, a fala precisa tamén á ciencia para sobrevivir e prestixiarse, para que non deixe de existir o que se deixa de nomear. Precisamos escribir e falar de matemáticas, de física, de astronomía, de química e de bioloxía. Precisamos berrar moi forte “xofre”, “Xúpiter”, “fungo”, “casula”, “elo” e “funil”; “xene”, “ollomol”, “píntega”, “amieiro” ou “ril”.
Así conseguiremos ter, algún día, unha verdadeira lingua de laboratorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario