Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







quinta-feira, 4 de janeiro de 2018

Emotividade na entrega dos premios "Manuel Beiras"

por Xosé María Lema, nas Voces de ProLingua:


O pasado 19 de decembro entregáronse en Santiago os Premios “Manuel Beiras”, que convoca cada ano a Cámara de Comercio compostelá para impulsar o uso do galego no comercio da cidade. Hai un par de anos ProLingua fora convidada a formar parte do xurado; desde entón segue sendo convidada a propoñer candidaturas para premiar.

Este ano os galardoados foron as empresas Brazolinda xogos, na modalidade de nova incorporación e Bufarda, na de uso continuado, e o Colexio de Avogados de Santiago na modalidade de premio especial; os tres recibiron unha escultura en bronce de Acisclo Manzano.
Na mesa presidencial do acto estaban presentes, ademais do presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega e o secretario de Política Lingüística, Valentín García. Entre os convidados, Alejandro e Xosé Manuel Beiras, fillos da persoa de quen tomaron nome os premios.
A primeira en recibir o premio foi Irimia Fernández Álvarez, que rexenta a empresa familiar Brazolinda, dedicada á creación e venda de xogos educativos. O seu discurso, sinxelo, sereno, claro e didáctico, acabou sendo tamén moi emotivo, que mesmo contaxiou positivamente os discursos das premiadas e dos premiados que viñeron despois, polos que elas/eles mesmo confesaron.
Irimia Fernández empezou explicando en que consiste a súa empresiña familiar dedicada ós xogos, cos que tanto as familias coma os mestres poden mobilizar os nenos dunha maneira máis educativa e dinámica na que todos forman parte deste proceso. Tales xogos pretenden ser atractivos, nos que se dá prioridade ás capacidades dos meniños por enriba dos coñecementos: a observación, a agudeza audiovisual, aprender a expresarse... Salientou maiormente a importancia das adiviñas, nas que os nenos teñen que facer exercicios de reflexión para resolvelas: “Se tendes oportunidade de xogar cos nenos, fixádevos nos seus rostros, nas caras de satisfacción que poñen cando resolven unha adiviña”. Os xogos tamén están pensados para que os adolescentes, os irmáns maiores (e os adultos!) se divirtan xogando cos máis cativos.
Pasou, finalmente, a indicar por que están feitos en galego, e empezou contando unha breve historia persoal: que cando tiña doce anos soñaba con facer documentais en galego, pero un día unha parella que se cruzara no seu camiño a desanimara dicíndolle que iso non era posible, que con material galego e en Galicia era “demasiado doméstico” e que non tiña futuro.
“Non sei cando acabei desbotando aquel meu soño. (...) Tampouco sei se este meu proxecto actual [o de Brazolinda] vai durar un ano ou toda unha vida, non sei se poderei darlle a publicidade que precisa, nin tan sequera sei se vou poder asumir o custe económico que este esforzo require, pois todo o artesanal vai con moita lentitude e tardan en verse os beneficios. O que si sei é que para min, que fun educada en galego polos meus pais, aquí presentes, e que en galego tamén eu educo os meus fillos, facer este proxecto en galego é unha honra”.
No intre en que pronunciou a última palabra soaron na sala varios bravo!e unha salva de aplausos desde o público asistente.
Os seguintes premiados -empresa audiovisual Bufarda e Colexio de Avogados de Santiago- tamén fixeron discursos moi dignos en defensa do uso do galego, pero nos dous casos fixeron alusión á emotividade do de Irimia Fernández Álvarez, para o que non tivo que botar man de ningún escrito nin apuntamento: ben se vía que tiña as ideas moi claras.

Sem comentários:

Enviar um comentário