Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 7 de outubro de 2018

Necesitamos un horizonte novo

por Víctor Freixanes, en La Voz de Galicia:

O pasado día 26, Día Europeo das Linguas, presentamos no Concello de Ames os resultados dun estudo de campo sobre a situación da lingua galega nas familias e nos primeiros anos do sistema escolar (infantil e primaria), traballo realizado a partir de achegas do profesorado do CEIP Agro do Muíño, na parroquia de Ortoño, nas terras de Amaía, a poucosquilómetros de Santiago de Compostela.
O profesorado, comprometido coa práctica do idioma, realizou unha exhaustiva enquisa entre as familias, os mestres e o alumnado para coñecer usos, actitudes, prácticas e expectativas a efectos de preparar o programa pedagóxico. O seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega estableceu a metodoloxía e sistematizou as medicións. Máis da metade das familias desta área que denominamos periurbana (dacabalo entre o mundo rural e as cidades) manteñen vivo o galego nas casas. Un cuarto decláranse exclusivamente galegofalantes. A lingua dominante nas familias tradicionais aínda é o galego. Mais a lingua recúa aceleradamente nas xeracións máis novas. Curiosamente, o fenómeno de cambio cara ao castelán prodúcese cando os rapaces empezan ir á escola. O 40 % das familias recoñecen que a deriva rexístrase nos primeiros anos (o 64 % di que entre os 3 e os 6 anos). Tal como están as cousas a incorporación á escola actúa como un elemento desgaleguizador, lonxe do discurso oficial de capacitación e destrezas, algo que a RAG e outras institucións vimos detectando en todo o país, non so nun espazo específico como o que comentamos. Así non podemos seguir. Cómpre dar un paso adiante. O desafío da lingua galega está nas novas xeracións, nos nenos e nas nenas que empezan a incorporarse á vida. As actuacións e os recursos, ademais de deseñárense con tempo para que dean froitos, deben ampliarse urxentemente cara ao que chamamos «espazos de socialización». A socialización primaria está nas familias, mais as familias tamén son vítimas. A socialización secundaria, que é onde os rapaces e rapazas empezan a encontrarse consigo mesmos mirándose no espello dos seus iguais, significa: espazos de lecer, estímulos de uso nos recreos e fóra das aulas, material de consumo lúdico e cultural (audiovisual, videoxogos, música, cinema, lecturas), experiencias compartidas alén da familia e da escola, exemplo dos maiores, medios de comunicación, implicación da iniciativa privada, participación activa da xente nova en programas e recursos, e prestixio, recoñecemento público, autoestima. Cos datos enriba da mesa, non só os do CEIP Agro do Muíño, a intervención recente de certo personaxe no Parlamento español (Toni Cantó) é un insulto á intelixencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario