Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 26 de outubro de 2018

Cando falla a razón instrumental

por Sara Plaza, nas Voces de ProLingua:

Tantos construyendo cerrojos

y tan pocos buscando llaves



Alberto García-Teresa



Hai algún tempo que camiño cun feixiño de dúbidas no meu fardel, mais todas xiran arredor da mesma cuestión: se ten sentido preguntar unha e outra vez aos galegos (de nacenza o de corazón) que o falan para que serve o galego, e intentar quitar das súas repostas algún tipo de receita coa que convencer da súa utilidade a aqueles que non o fan. Coido que esa insistencia no proveito talvez poida esgrimirse co inglés ―unha lingua allea que pode ser unha boa ferramenta de comunicación polo mundo adiante, aínda que non en todos os lugares―, pero non sei se é un bo argumento para disuadir os galegos de falar a lingua propia de Galicia no seu territorio. O que axiña me leva a unha cuestión previa: o feito de ter que xustificar seguido por que se fala galego na terra onde esta lingua comezara a forxarse aló polo século IX.




Como é que se chega a esta situación de ter que fornecer arreo motivos para coñecer e falar a lingua nai, a lingua propia dun pobo, un dos seus maiores tesouros, unha das chaves para saber de onde vimos e onde estamos varados? Non é que non saiba algunhas posibles respostas, teño falado disto a miúdo co feixe de amigos que me axudan a ir comprendendo Galicia e a súa climatoloxía política, social, cultural..., o meu asombro, como o primeiro día, provén do feito de non dar atopado a saída desta encrucillada secular.



Supoño que é aí, na miña incredulidade e no meu pasmo, onde levedan estas reflexións. Para alguén que vén de fóra, que se puxo a aprender galego para que os seus amigos non tivesen que cambiar de lingua, non é doado de entender este estado de cousas: que haxa que prover razóns acotío para falarmos galego en Galicia. Pero se isto é así, eu non vexo, talvez pola miña propia miopía, que o utilitarismo da lingua, por exemplo o feito de podérmonos defender con ela en Portugal ou Brasil, é dicir, fóra do territorio de Galicia, sexa un acicate para coñecela e falala aquí. Ao mellor, apelar aos afectos tampouco teña moito sentido a estas alturas do partido, pero de onde senón imos quitar a enerxía que precisamos para construírmonos, tamén lingüisticamente, individual e colectivamente?



Escribía María Zambrano: “Aunque no preste atención el hombre al incesante sonar de su corazón, va por él sostenido en alto, a un cierto nivel. Le bastaría quedarse sin este latir sonoro para hundirse en una mayor oscuridad, para sentirse más extraño, más sin albergue, como privado de una cierta dimensión, o de una llamada que por sí misma crea la posibilidad de su existencia.” Creo humildemente que tamén a nosa lingua nos sostén no alto, e que quizais habería que profundar niso, na importancia de termos raíces, ademais de biolóxicas e xeográficas, lingüísticas. Raíces dende as a que agromar, sementes das que quitar froito todos os días, unha colleita de verbas, de xeitos de ver, de entender e de estarmos no mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario