Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 9 de outubro de 2018

Ao señor Toni Cantó

por María Canosa en La Voz de Galicia:


Señor Toni Cantó. Chámome María Canosa e son galega. Vivo en Galicia, nunca me quixen ir de aquí, por moito que as circunstancias sexan complicadas e ás veces me tentara o desenvolvemento laboral. Pero ao final decidimos formar a nosa familia na nosa terra, por moito que se nos complique.


Porque eu son galega, teño ese ADN metido no corpo, no sangue e na conciencia.

Falo galego. Escribo en galego. E sabe por que o fago? Porque sinto en galego. É por iso que me expreso mellor na lingua que move os meus sentimentos. Pero tamén sei falar castelán. Se mantivésemos unha conversa, seguramente vostede nin se decataría que normalmente utilizo outra lingua que non é a mesma cá súa. Os erros que cometo son os mesmos ca os demais castelanfalantes da miña terra.

Pois ben. Teño dúas nenas, ás que educamos en galego porque é a única maneira de que, pasado o tempo, saiban falalo. A maior, que ten cinco anos, non escoita nin unha soa palabra en galego no colexio, nin dos amigos que ten, nin dos pais deses nenos. Algún avó si o emprega ao decatarse de que eu o fago, pero, salvo esas excepcións, non o atopa. Nas tendas é difícil que o oia tamén. E na rúa.

O outro día deu cunha nena que súa nai falaba en galego e veu correndo darme a nova: «Mamá! Tamén sabe falar galego!»

Así que, descúlpeme, señor Toni Cantó, pero sei que está errado. Veña a Galicia, pasee por ela, e decatarase de que na inmensa maioría do seu territorio o que desapareceu foi o galego, non o castelán. Aquí as tornas son outras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario