Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 3 de xuño de 2019

A lingua no ensino. Unha proposta urxente

por Marta Dacosta Alonso no Terra e Tempo:

A solución potencial do problema (o uso público do galego) é cada vez máis patente, pero todo vai depender da marcha da vida política canto á participación das forzas de resisténcia.” F. Rodríguez (1991): Conflito Lingüístico e ideoloxia na Galiza, Santiago de Compostela: Ed. Laiovento, páx. 75.



“A lingua é o principal elemento diferencial a erradicar na cultura dun pobo por parte de quen está a practicar o monolingüísmo histérico dunha violencia que xa vén sendo histórica no estado español. Actuar contra a lingua é actuar de raíz contra o pobo.” Parlamento de escritoraes, Pontevedra, 15-16 marzo 2019.

O pasado 27 de abril, celebráronse as XVIII Xornadas de Lingua e Literatura organizadas pola CIG-Ensino e a AS-PG, unha actividade de referencia para o profesorado galego, especialmente para o profesorado de Lingua galega e Literatura. A trascencendencia desta proposta que acumula anos de achegas substanciais ao estudo da nosa lingua e literatura, pode medirse, mesmo, no número de imitacións que desde outras entidades e até a propia Administración se teñen producido.

A organización das Xornadas de Lingua deseña sempre o programa co maior coidado, procurando que sexa un punto de encontro para a difusión das mellores propostas e para o debate. Por iso este ano colocou como unha actividade central a “Estado actual da lingua galega no ensino. Alternativas de futuro” en que participamos Mónica Pazos, Valentín García e eu mesma,

Este artigo recolle a intervención que entón realicei.

Un pouco de historia:

En 2007, publicouse o Decreto 124, contestado desde a dereita galegófoba desde antes do seu inicio, malia a participación do PP na súa redacción. Aquel Decreto que pretendía alicerzarse no Plan Xeral de setembro de 2004, aprobado por unanimidade no Parlamento, co voto favorábel do actual presidente do goberno.

O efecto deste avance foi que o profesorado asumiu con normalidade que o galego era a lingua vehicular daquelas materias e, en moitos casos, aínda non sendo galego-falante, consideraba que tiña que dar as súas aulas en galego, e así o facía, unha percepción avalada polos datos recollidos pola RAG no Informe de 2018[i]: “... é co Decreto 124/2007 cando unha porcentaxe maior declaraba recibir maioritariamente o ensino en galego.” E engade: “A aplicación dun novo decreto no 2010 supuxo un retroceso na presenza da lingua galega, retrotraéndoa aos anos 90.” (RAG 2018: 28)

En 2009, o PP volve ao goberno da Xunta e inicia o seu novo ciclo político eliminando a obrigatoriedade da proba de lingua galega no acceso á Función Pública. Toda unha declaración de intencións que se coroou coa publicación do actual Decreto 79/2010, destinado a reducir a presenza da lingua galega. “... co último decreto neste eido, o 79/2010, asistimos a unha reversión dos avances conseguidos.” (21/02/2018, web da RAG)

Non esquecemos que este Decreto foi invalidado parcialmente polo TSXG tras o recurso presentado pola CIG-Ensino. Trátase, claramente, do peor Decreto elaborado nunca para a normalización dunha lingua que ousa botar man dunha ferramenta envelenada: a prohibición do uso da lingua minorizada, que xa en por si é inaceptábel, xustamente en materias que gozan dun prestixio social que, de seren impartidas en galego, axudarían á valorización da lingua.

A situación actual:

A realidade é que as docentes comprobamos que o noso alumnado, esas xeracións que no futuro están chamadas a manter viva a nosa lingua, cada día falan menos en galego, especialmente, o alumnado urbano e vilego.

A situación é palpábel, tanto que institucións como a Deputación de Pontevedra, a través da área de Lingua, dirixida polo deputado do BNG Xosé Leal, encargou á RAG un estudo da situación. O estudo comezou a realizarse en 2017 e céntrase nos mozos e mozas de entre 14 e 18 anos. Foi presentado nas IV Xornada de Normalización da Deputación de Pontevedra, no mes de xaneiro deste ano e conclúe que

➢ Os mozos e as mozas nacidos nas décadas de 90 e 2000 xa non teñen contacto co galego nas súas casas.

➢ Nas cidades pontevedresas e na súa área de influencia, a castelanización é evidente.

➢ Os territorios máis galeguizados seguen a ser os máis rurais, en Pontevedra a comarca do Deza e Tabeirós.

➢ A mocidade ten mellor actitude cara á lingua e menos prexuízos, mais seguen a valorar negativamente o acento galego.

Velaquí a percepción e os datos concretos. Mais aínda podemos engadir o titular da nota coa que a RAG fixo público o estudo antes mencionado: Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992 – 2016. Foi no día da Lingua materna do ano 2018 (21 de febreiro) e dicía así: “A RAG alerta no Día da lingua materna da creba da transmisión lingüística interxeracional”.

O resumo da nova era:

A Real Academia Galega difunde hoxe, co gallo do Día internacional da lingua materna, Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992 – 2016, unha nova publicación do Seminario de Sociolingüística que presenta unha visión panorámica da situación social da lingua galega co obxectivo de identificar as tendencias que marcan a súa evolución nas últimas décadas. O traballo advirte da crecente ruptura da transmisión interxeracional e duns usos minguantes do galego por parte da xente máis nova, especialmente nos ámbitos urbanos e periurbanos.

No final desa nota di: “Con este diagnóstico sobre a mesa, a RAG apela ao conxunto da sociedade e en especial aos seus líderes políticos, económicos e sociais para garantir o futuro da nosa lingua … é imprescindible un compromiso sincero, unha acción eficaz e iniciativas máis ambiciosas por parte do goberno e do conxunto das institucións galegas e dos distintos axentes sociais”

As profesoras e os profesores temos esa percepción. E temos a preocupación. Por iso e porque precisamos que o noso alumnado comprenda a situación, que se sensibilice e que pase do papel de espectador ao de protagonista para inverter a situación, substituímos con ferramentas pedagóxicas a inacción da SXPL, que se limita a cruzarse de brazos e, como moito, subvencionar actividades culturais, iso si, con pequenas cantidades, pois a súa política estrela foi recortar os fondos destinados á normalización lingüística como denuncia reiteradamente a CIG.

Pois ben. O alumnado sensibilízase. Si. Mais os datos son preocupantes.

No estudo realizado co meu alumnado, que ten ademais dos anteriores, o obxectivo de obter datos da evolución da lingua nos seus contornos familiares, os datos que obtivemos foron os seguintes:

➢ Persiste a diglosia. Os prexuízos que pexan a nosa lingua están completamente arraigados.

➢ O galego é unha lingua recluída no ámbito familiar: a casa e as relacións paternofiliais, porén a porcentaxe de pais e nais que lles falan en galego aos seus fillos é inferior á porcentaxe de persoas que falan galego no ámbito doméstico. Como dixo o meu alumnado, a nós fálannos español porque pensan que é o mellor para nós.

➢ A actitude lingüística predominante é a de falar máis español ca galego. O español é predominante nos ámbitos formais e nas relacións sociais: no médico, no traballo, na escola e coas amizades, tanto entre a rapazada (que practicamente xa non fala en galego entre si), como entre os seus ascendentes.

➢ Na contorna familiar do noso alumnado, habitante dun concello periurbano como Gondomar, que no censo de 2013 reflectía unha situación propia dunha zona non urbana, con predominio da lingua galega, o español vai gañando espazo. Que datos nos devolverá o próximo censo de poboación?

Noutros centros fixeron estudos semellantes e tamén constatan unha tendencia preocupantemente descendente.

Unha proposta:

O estudo da RAG dicía:

Algo está fallando cando o noso ordenamento legal desde os inicios da Autonomía prevé avanzar cara a unha situación de normalidade do galego e de igualdade co castelán e, pola contra, unha parte crecente dos e das galegas sente unha presión cada vez máis forte para abandonar o galego e adoptar o castelán. Endebén, a traxectoria das sociedades é cambiante, igual que as súas percepcións, valores, arelas e expectativas. A experiencia doutras comunidades mostra que mediante unha actuación intelixente, eficaz e sostida no tempo se pode conseguir refrear e incluso reverter o retroceso dun idioma minorizado. Estamos convencidos de que ese é un anhelo compartido pola maioría da cidadanía galega. (RAG 2018: 29-30)

Non o di a Mesa, nin a CIG. Dío a Academia. A política lingüística desenvolvida até agora foi insuficiente para reverter este proceso de substitución, mais aínda estamos a tempo.

Nos inicios deste século XXI, En Pontevedra celébrase o Congreso internacional Linguas non normalizadas. Freixeiro Mato fala do galego no ensino. Di:

...non está a dar os resultados esperábeis, dedución constatábel polo feito de seren hoxe as xeracións escolarizadas en galego as que menos o falan. Son moitas as cousas que non están a funcionar ben con relación á incorporación do galego ao ensino delas ten boa parte de culpa a administración pública, que máis ben semella actuar de freo do proceso de galeguización do sistema educativo en vez de ser o verdadeiro motor da mesma, tarefa que legalmente lle corresponde. (X.R. Freixeiro Mato 2002: 146-147)[ii]

Cando lle preguntei ao noso alumnado por que non falaban en galego, escoitei as repostas que agardaba e que Freixeiro Mato sintetizou na clasificación dos prexuízos lingüísticos (“Os prexuízos lingüísticos: Proposta de clasificación” 2008). Mais houbo unha resposta que me chamou a atención e na que eles e elas reparan moito máis do que nós pensamos: “por que non nos dan clase en galego”. Evidentemente non queren dicir que non lles dean ningunha clase en galego, senón que non reciben en galego un número significativo de horas.

Son o futuro, e son sensíbeis ao que os rodea. Se lles tentamos aprender que o galego é útil e que non hai límites para a nosa lingua propia, como podemos demostrarllo se a clase de matemáticas, de física e química e de tecnoloxía é en español por decreto?

Afortunadamente hai moito profesorado que actúa con cabeza e corazón e dá as súas aulas de mates, física ou tecnoloxía en galego. Dicíame un día un deses profes: “cando cheguei ao centro e vin como estaba a situación da lingua decidín que tiña que desobedecer o decreto, como ía eu contribuír a que desaparecese a lingua do meu alumnado?” E sei, que no seu caso, cando se fala da lingua, o alumnado sempre responde antes de nada que ese profe, desa materia, dá as aulas en galego. A súa desobediencia constrúe futuro.

Pois ben. É hora de tomarmos unha decisión necesaria e axeitada a esta situación. Cómpre inverter as tendencias que nos sinalan os modelos estatísticos que, xustamente, para iso existen. Só hai unha alternativa: ensino en galego de todas as materias. Evidentemente, previa derrogación do actual decreto.

Os procesos denominados de inmersión lingüística están a dar froitos esperanzadores en Euskadi e Cataluña. Son a práctica de gobernos que asumiron o seu compromiso coa normalización das súas linguas. De partida a situación máis favorábel era a do galego, por ser a lingua máis estendida entre a poboación. Mais hoxe, mentres catalán e éuscaro marcan unha liña ascendente no uso entre as xeracións máis novas, en Galiza a tendencia invértese e vemos como avanza o uso do español, xustamente nesas xeracións. A razón? A ausencia dun compromiso político real de quen gobernou e goberna na Xunta de Galiza, agás os catro anos do bipartido en que se acadou un Decreto que tentou avanzar no uso da lingua no ensino e deu froitos.

En 1996, despois do conflito de Palmeira, a Revista Galega de Educación entrevistaba[iii] o daquela Director Xeral de Política Lingüística, Manuel Regueiro Tenreiro. Unha das preguntas era por que non se tiña adoptado en Galiza un modelo de inmersión, considerando que os datos do Mapa Sociolingüístico, especialmente nos ámbitos urbanos. Esta foi a súa resposta: “Para nós o proceso de ensino aconsella un ritmo máis pausado, máis convincente e sedimentado. As presas non parecen boas.” (RGE 1996: 84).

Desde hoxe, poderiamos dicirlle que lle impuxeron ao galego o ritmo pausado dos vellos que van morrendo. E o galego é unha moza que non quere ter medo, que quere vivir libre e dona de si.

Outras veces sementan dúbidas sobre a acollida da nosa lingua, mais a realidade é que cando se puxo en marcha a liña en galego en infantil, tivo unha ampla demanda, con lista de agarda e pais que atravesaban cidades como Vigo, para levar aos seus fillos a un centro en que puidesen aprender galego. Eran un total de 42 centros repartidos por cinco cidades. Mais, desde 2009, outra das medidas do PP no goberno da Xunta foi eliminar esas 42 liñas, un sinal inequívoco de cal e o seu compromiso coa lingua, non si?

O curso pasado, acollín nunha das clases a tres alumnas francesas da Occitania que estaban de intercambio no noso centro. Sentaron ao final da aula. Estabamos falando da lingua e entón dirixinme a elas. Pregunteilles de onde eran e se onde elas vivían se falaba outra lingua e quen. A resposta foi que sabían que os seus avós falaban occitano, mais elas, a xente da súa idade xa non o falaba. Entón pregunteille que ía suceder cando morresen os seus avós. E responderon con tranquilidade que o occitano desaparecería. Unha reflexión que adoita aparecer nos traballos do meu alumnado cando comproban por si mesmos o estado da lingua.

É nese momento cando reaccionan e rematan o seu traballo con frases do tipo: “Iso non se pode permitir!”

Nas súas palabras adolescentes poderemos albiscar tamén a luz. Procurémola. Mentres tanto quedo con estas palabras dunha alumna:

“Todos nós somos galegos, pero só se o demostramos.”






[i] RAG (2018): Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992 – 2016. A Coruña: RAG-Deputación da Coruña.

[ii] X.R. Freixeiro Mato (2002): “A presenza do galego no ensino: desexo e realidade” en Actas do Congreso Internacional Linguas non normalizadas. Presente e futuro. A Coruña: AS-PG-UVigo, 146-147

[iii] Entrevista ao Director Xeral de P.L. feita por Manuel Bragado e Antón Costa, RGE, 25 - Xaneiro I Febreiro I Marzo de 1996

Ningún comentario:

Publicar un comentario