Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 4 de xuño de 2019

Connectat't al català vs. desconectados do galego



Velaquí temos un vídeo que forma parte dunha campaña da Generalitat de promoción do catalán. Desde hai dez anos a Xunta non pode ofrecernos algo semellante. Para iso compriría ter antes uns programas de achegamento e acompañamento lingüiístico para os estranxeiros. E non é que non teñamos iso, é que non temos nada. A política lingüística desta década ominosa promove a non promoción, a exclusión, a redución de espazos e tempos, o espallamento de prexuízos, a secundarización do galego. É unha política racista, colonial. É a política do non ao galego.
Neste vídeo aparece unha moza ucraína que leva dous anos en Cataluña. Está aprendendo catalán porque quer estudar na universidade.  Pensemos cal é a realidade no noso país e comparemos.
Se vivira en Galicia non tería tal necesidade. Durante estes dous anos tería a exención en lingua galega, mais nunca en lingua española. Non podería participar en ningún programa de inmersión lingüística en galego porque non os hai. Na universidade galega apenas se imparten aulas en galego. Basta ter presente o anuncio deste "acordo histórico" polo que as universidades da Coruña, Santiago e Vigo se comprometen a impartir un 3% das titulacións en galego. Trátase dun proxecto para o que non hai orzamento (xa sabemos, iso do galego sae sempre caro) e polo tanto é un edificio que está construído no aire. Pola contra a Xunta gasta todos os anos unha cantidade considerable de cartos no seu "proxecto plurilingüe" que consiste en reducir as clases en galego coa desculpa de que se impartirán en inglés.  Aínda que moitas e autorizadas voces alertaron de que podemos estar destinando fondos e realizando grandes esforzos no que de certo é o maior fracaso educativo en décadas. Nunca se avaliou esta aposta unilateral do PP en materia educativa. Miles de cativos crecen en entornos desinfectados da lingua galega. O gran proxecto educativo da Xunta consiste na promoción da ignorancia da nosa lingua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario