Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 17 de decembro de 2019

Cando o BNG de Bueu vai crear o SNL?

velaquí unha Voz de José Manuel Dopazo Entenza, membro de ProLingua,

Those are my principles,

and if you don't like them...

well, I have others



Estes son os meus principios e, se non lle gustan, teño outros dixo Groucho Marx, mais ben podían ser palabras de calquera membro do equipo de goberno do concello de Bueu, nomeadamente en materia de normalización lingüística.


Desde a década de 1970, este concello perde galegofalantes a unha velocidade alarmante. Proba deste feito son os datos do Instituto Galego de Estatística que, no 2008, sitúan o número para O Morrazo arredor do 60%. Dez anos máis tarde, no 2018, a cifra atópase máis preto do 40%. E estes números baixan significativamente na franxa de idade de menos de 14 anos, situándoos por debaixo do 5%. Iso si, en Bueu probabelmente a porcentaxe estea máis próxima do 1% ou 2%.

Cabe ter en conta, ademais, que na década de 1990 houbo un goberno do BNG no poder e que, en 2003 recuncou, tomando o mando de forma estable e con maioría desde 2007. En ningún momento se procurou dar solución a estes catastróficos datos. E, por suposto, ningún outro partido gobernante fixo o propio.

Nunha entrevista en 2016 no Diario de Pontevedra, Xosé Leal –daquela deputado provincial de Cultura polo BNG– afirmaba que “o noso compromiso coa normalización lingüística é firme”. Parece ser que, agora que tan só é concelleiro de Cultura, Ensino, Innovación e desenvolvemento tecnolóxico e Patrimonio a normalización lingüística xa non require tanto compromiso.

Ben é certo que esta área está entre as competencias de Silvia Carballo, iso si, xunto con Persoal, Turismo, Emprego e formación e Desenvolvemento e economía local. Todo o mundo sabe que estas áreas son muito máis importantes ca a normalización lingüística. E sobra dicir que con poñer os cartaces do concello en galego xa abonda para que a lingua goce de normalidade.

E a xente preguntarase a que vén esta alegación. Pois ben, resulta que o 7 de marzo de 2019 a Deputación de Pontevedra outorgoulle ao Concello de Bueu unha subvención de 15.000€ para a creación dun Servizo de Normalización Lingüística. Houbo que agardar a maio dese mesmo ano para que este organismo iniciase o procedemento de contratación dunha persoa técnica de normalización lingüística. Mais ese trámite nunca tivo continuidade. Non só é que non saíse adiante, senón que nin sequera se chegou a facer público este posto.

En outubro deste ano, o concello de Bueu decidiu rexeitar a subvención –concedida sete meses antes– sen ningún tipo de explicación. No pleno de novembro o equipo de goberno foi inquirido pola oposición co fin de indagar os motivos que o levaron a tal decisión. Tanto o alcalde Félix Juncal coma o concelleiro de cultura Xosé Leal e, por suposto, a concelleira de normalización lingüística Silvia Carballo non contestaron. Esta situación repetiuse no pleno de decembro.

É agora cando retomo a frase de Groucho: u-los principios? Presupomos que o Bloque Nacionalista Galego ten como fin a defensa da cultura e da lingua galegas mais nos últimos 12 anos de mandato deste partido en Bueu –xa non contemos as outras veces que chegou ao poder– non fixo absolutamente nada nesta materia –cando menos positiva. E lembremos que xa recibira unha chamada de atención por parte de ProLingua a este respecto en xaneiro de 2015 –por certo, sen solucionar ningún dos motivos de desleixo.

Por iso non é de estrañar que o índice de galegofalantes menores de 14 anos neste concello estea por debaixo do 5%, xa sen entrar a valorar a calidade da lingua tanto das persoas que rematan os estudos secundarios coma a dos propios políticos. Por tanto, continúo a facer a mesma pregunta: que leva a este equipo de goberno a rexeitar a subvención en materia de normalización lingüística? Supoño que será a eterna pregunta sen resposta. Ou máis ben, agora que están subidos no poleiro, terán outros principios muito máis urxentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario