Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 28 de decembro de 2019

Matar unha lingua

por Henrique Harguindey Banet, no Sermos Galiza:

Resulta irónico ver a Xunta de Galiza reunirse con responsabeis da política lingüística doutras comunidades autónomas con lingua propia (Euskadi, Nafarroa, Catalunya, València e Illes Balears) e esixir do goberno do Estado (o que veña agora, non os anteriores gobernos do PP) o cumprimento da “amplia e elemental batería de obrigas e deberes recollidos na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias subscrita e ratificada polo Estado Español”. Foi moi rápida a Xunta en subscribir esa Declaración de Bilbo o mes pasado e pedirlle ao Estado “coa coherencia esixible a todo Estado democrático, a salvagarda dos dereitos lingüísticos e as medidas necesarias para cumprir as recomendacións que reiteradamente recollen os informes do Comité de Expertos e as recomendacións adoptadas polo Comité de Ministros do Consello de Europa, para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía”.


Resulta dun cinismo sen par esixir do Estado o que a propia Xunta no seu ámbito é a primeira en incumprir na Administración Galega día a día. E non se trata de desleixo e de desatención senón que dá a impresión de existir unha política deliberada, cunha acción trazada na sombra, para matar a nosa lingua, arrancándolla aos cativiños e cativiñas e impedindo a transmisión xeracional e mais forzando toda a cidadanía galega á substitución. Tratando de que se faga axiña, de xeito rápido, vertixinoso, como se eses responsabeis temesen que o poder se lles fose das mans e perviva algún tempo máis a lingua vergoñenta e maldita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario