Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 23 de xaneiro de 2020

Probador

por Manuel Gago, en La Voz de Galicia:

O outro día, mentres andaba batallando cunhas camisas nun probador durante a febre das rebaixas, puiden escoitar ás dependentas falando entre elas, creo que convencidas, a xulgar polos temas, de que non había clientes perto. Facíano nun galego popular máis que correcto e, sen dúbida, a súa primeira lingua.


Cando saín do probador para pedir unha talla máis, embutido coma un chourizo nunha camisa demasiado estreita, produciuse un fenómeno de maxia sociolingüística: inmediatamente (e eu case apostaría que de maneira reflexa) todas pasaron ao castelán.

Non me sorprendería que fose política desta empresa galega atender en primeiro lugar aos clientes en castelán, pero aquí vén a segunda das cuestións: algunhas pasaron ao galego comigo mentres outras mantíñanse no castelán. Isto é demencial, pensei.

Podemos darlle todas as voltas que queiramos, pero que no ano 2020 andemos con estas esquizofrenias lingüísticas volve constatar que o problema do galego non é que unhas persoas escollan usalo e outras non. Detrás del hai toda unha serie de problemas sociais que nos acaban afectando como persoas: na nosa autoestima, na imaxe do que pensamos que somos e do que queremos dar.

No fondo, todos eses cambios de lingua son tremendamente violentos, dunha violencia dramática. Pero como os vivimos a diario xa os temos tan internalizados como as contracturas musculares: asumimos a dor sen decatarnos. Pero a dor segue aí.

O día que nos decatemos, non só viviremos mellor: aceptarémonos a nós mesmos mellor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario