Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 12 de xullo de 2022

A escola pública e a gaticornia


por Antía Paz, en Luzes: 

Se estás a ler isto, significa que xa é o mes de xullo e eu estou a escribir esta mensaxe dende o pasado e para o futuro. Nestes momentos, pasadas as doce da noite do domingo 19 de xuño e rematado o escrutinio das eleccións andaluzas, faltan tan só tres días para que remate o curso escolar.

 

 

Este que finaliza é o terceiro ano escolar da miña filla, o derradeiro de educación infantil que suporá o salto á Primaria e tamén ao primeiro andar do edificio da escola, «coas maiores». Este curso lembrarémolo por tres acontecementos. Se cadra ela dous e eu tres. O primeiro, a fin do uso das máscaras na súa aula. Comentábame a súa profe un día que un dos maiores retos deste curso para ela foi tentar aprenderlles a 25 cativas e cativos de 5 e 6 anos a diferenza na pronuncia do B, o D, o T e o P cunha FFP2 ben calzada. O outro, o cambio de nome da escola, que deixa de levar os apelidos dun alcalde franquista e pasa a chamarse, nun alarde de orixinalidade sen parangón, «Torre de Hércules». Nunca adiviñarán en que cidade está esta escola. Ah, misterio.

 

Mais para min, sen dúbida, o acontecemento que marca este curso por riba de calquera outro é a culminación con éxito do proceso de castelanización da miña filla. Acabáronse as cores vermella e amarela, os cadeliños e as ovellas. Agora todo é rojo, amarillo, un perro, una oveja e o galego é case unha anécdota.

 

Lembrarei con especial dor dous intres que poderían ser cómicos se non agochasen detrás tanta traxedia. A miña filla, de fogares galegofalantes, sae da aula dicindo un día: «Mamá, ¿sabes cómo se dice ‘rojo’ en inglés? VERMELLO». Ou aquela ocasión na que, alporizadísima por un terrible agravio, berrou: «Mamá, ME HAS MOLLADO». A aprendizaxe da pronuncia do J foi o único que se interpuxo entre a completa castelanización da cativa e o día de hoxe. Unha vez que descubriu como tiña que facer para poder pedir no parque para jugar en lugar de xogar, tirou millas a todo filispín. Abur, pequena galegofalante que namorabas ás vellas do barrio. Hola, hija.

 

Por curiosidade, e a sabendas de que o idioma no que decidimos criar a esta cativa é minoritario nesta cidade, preguntei un día na escola cal era o uso do galego nas aulas de infantil e que facían para preservalo, e atopei coa triste realidade de que na aula da miña filla tan só ela e outro cativo comezaron a escola sendo galegofalantes. Non sorprendo a ninguén ao dicir que a tal hora, tres cursos despois, os dous falan perfectamente o idioma de Cervantes. E é que na escola pública urbana (xa, xa sei que non en todas as escolas; isto é coma o machismo, só pasa no resto das casas, que vostede seguro que axuda nas tarefas do fogar) o emprego do galego non adoita ir máis aló do esixido curricularmente.

 

A historia repítese: os meus pais sempre contan que a min, nacida no 84 en Vigo, decidiron aprenderme a falar en galego e que ao chegar á escola levaron a sorpresa de que ninguén máis o empregaba. Isto non debería de sorprender a ninguén, en realidade. Á fin e ao cabo, aquel colexio chamábase Nebrija (xa extinto, por sorte). Tanto é así que as únicas dúas rapazas con nome en galego da miña clase, servidora e unha rapaza chamada Uxía, vivimos un proceso de deturpación persoal durante os primeiros anos de escola, pasando a ser Antonia e Eugenia e todas as variantes ofensivas que se lles foron ocorrendo ás compañeiras da aula para facer a nosa vida aínda máis sinxela. A presión do grupo, a escola e a contorna fixeron que o castelán fose a lingua na que falei ata chegar ao instituto de Gondomar onde, por sorte, dei o salto de volta ao galego, que sería dente entón a miña primeira lingua, pero xa nunca máis a única.

 

Tendo en conta que o noso país vén de rexistrar un novo mínimo histórico de nacementos e que, de todas as nenas e nenos que nacen aquí tan só unha porcentaxe cada vez máis escasa –sobre todo no contexto urbano– é galegofalante, non vou cargar sobre a miña filla a responsabilidade de evitar que a lingua esmoreza. Porque non sería xusto.

 

Agora, con 6 anos recén cumpridos non che vou pedir grandes compromisos, que bastante tes con ter sobrevivido a unha pandemia mundial nada máis aterrar na escola, a dous cursos con máscara, a parques pechados e a hisopos polo nariz. Pero ogallá algún día volvas reparar no idioma que escoitas na casa e teñas a enorme sorte de dar con dous profesores tan implicados coma Alberto Cifuentes e Concha Costas, que foron os que fixeron que para min dar o salto de volta á lingua nai fose un paso natural, amable e familiar. Ogallá no teu caso, coma no meu, o amor te faga volver, que precisamos na lingua xente tan creativa, esperta e xenerosa coma ti, pequena gaticornia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario