por Luís Manuel García Mañá en La Región:
Veño de pasar uns días nesoutra fronteira astur-galega, unha fronteira entre Comunidades veciñas. Unha raia que se entende mal, que non se explica a razón pola que foi marcada -onde está- por Javier de Burgos, aló polo ano de 1833, xa que a paisaxe é a mesma, as persoas teñen semellante cultura antropolóxica e a fala non se distingue da doutro lado.
Pese a iso, dunha banda está Galicia e da outra o Principado de Asturias. Desta cuestión saben moito os veciños de Mousende (P. de Asturias), o primeiro lugar que se atopa cando circulas pola estrada da Pontenova a Taramundi. Só pasar a raia as normas autonómicas son diferentes. Aínda así as persoas viven, gozan, sofren e mestúranse formando familias, redes de amizade e de mutua axuda.
Constrúese así, entre os máis novos, un sentir nacionalista artificial, que non existía anos atrás. Tal vez por iso albisquei bandeiras en distintos lugares nos que antes non as había. Mais a realidade ten moito máis que ver coa forma de falar, xa que ambos lados falan galego, un galego da Mariña que non distingue entre procedencias.As Administracións si que o fan. Non son o mesmo as leis autonómicas da parte de aló que as de acó, cando traspasas a fronteira. Canto máis se empeñan en afastar aos veciños, máis se xuntan, en virtude de intereses familiares, económicos e os derivados da facilidade do idioma, aínda que o que si están a conseguir é que se prodiguen outras linguas alleas ao territorio.
Regresei enchoupado da beleza daquela terra, coa impresión de que estamos esnaquizando a antiga realidade dunha Galicia irredenta, e que deste xeito perderemos máis que a pertenza a un ou a outro lado da raia, xa que o que perdemos de verdade é a capacidade de sermos “nós”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario