Todas as linguas son un bon termómetro, quer na perspectiva sincrónica quer na diacrónica, para medir o estado de saúde das sociedades para as que os seus respectivos pobos criaron como vehículo de comunicación. Nesa perspectiva diacrónica, a historia do noso idioma reflite tambén a propria historia do país.Esplendorosa nos seus comezos, no reino medieval, en que o galego-portugués se tornou lingua nacional, e de prestixio internacional, normalizada en todos os ámbitos xeográficos e comunicativos, orais e escritos. De Faro (así se chamaba Coruña até 1208, antes de o noso rei Afonso VIII llo mudar por Crunia, na concesión do seu foral, como demostrou o investigador Gonzalo Navaza) ao outro Faro galilusófono, capital do Algarve.
Lingua e pobo,sometidos e subxugados tras conquista violenta, manu militari, das tropas castelás, a pesar da decidida resistencia do partido galego. A partir dese momento, foi apagada das instancias oficiais e relixiosas, coa colonización de funcionarios e clérigos foráneos, ben como da nobreza estranxeira, ficando conservada polas clases populares, labregas e mariñeiras e, parcialmente, pola burguesía urbana durante a Idade Moderna. E, por fin, abertamente perseguida e reprimida trala desaparición nominal do Reino da Galiza e a criazón do Estado español, na Idade Contemporánea -há quen diga que coa colaboración de moitos e moitas das nosas compatriotas, como se tal comportamento fose exclusivo noso, non de todos os procesos de colonización-, coa correspondente reacción interna nas sucesivas e correlativamente herdeiras etapas do provincialismo, o rexionalismo e, a partir do século pasado, o nacionalismo. E, así, até aos nosos días.Se puxermos o foco na perspectiva sincrónica actual, a diagnose revela o resultado acumulado desa nosa historia lingüística e nacional, acrecentado e anovado polas circunstancias específicas destes tempos en que nos tocou viver. Un estado de saúde social e lingüístico perfeitamente interrelacionados, onde o declinio poboacional e idiomático fan parte da mesma moeda, como tambén a destruición dos nosos recursos naturais, a incautación dos nosos bens materiais ou a invasión dos nosos ámbitos comunicativos. Iso si, coa correspondente e esperanzadora reacción desa nosa alma nacional que, a pesar da presenza opresiva do españolismo, sempre rexorde e mantivo e mantén o nome do noso país, a conciencia da nosa historia nacional e a nosa lingua no noso caso si, desde há máis de un milenio.
Ora ben, se achegarmos a lupa aínda máis ao tempo presente e analizarmos as noticias e acontecimentos relacionados coa lingua nos, por exemplo, doce últimos meses, comprobaremos como ese virus destrutor inoculado ao idioma continúa a lle causar graves males, mas tamén é repelido polos anticorpos internos organizados, maioritariamente, pola sociedade civil, as forzas políticas proprias e, mais discretamente, por certas instancias institucionais e académicas, o que condí cun futuro realista de esperanza.
Así, se as forzas alleas perseveran na intención de apagar a nosa lingua tamén, literalmente, do noso mapa barbarizando topónimos, o exército proprio failles frente pacificamente, aínda que teña que ser levando paus de maneira violenta e agresiva. Se as primeiras quixeren também facer desaparecer o noso idioma do panorama audiovisual, as segundas removen Madrid con Santiago e conseguen tímidos mais primeiros avanzos. Se as de fóra nos impeden viver plenamente en galego, sexa cando pedimos un informe médico, ou en atendimento teléfonico, de saúde ou de servizos, as proprias non calan e tentan facer valer os seus direitos até ás últimas consecuencias. Ou, en fin, cando o estereótipo galegofóbico teima en nos excluír da súa “modernidade” por mantermos a nosa voz propria, unhas raparigas bravas, comprometidas e sen pelos na boca, visibilizan como a verdadeira modernidade está en non negar as raiceiras profundas, e provocan un xute de orgullo colectivo en volta do noso idioma como máximo elemento de cohesión nacional, e de empatía no resto do Estado.
Eís o idioma como compás para un camiño certo e de futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario