Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 3 de setembro de 2022

De política lingüística


 por Francisco Rodríguez no Nós Diario:

Hai días lin una entrevista ao Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Evoquei os seus tempos de estudante no Instituto da Estrada. Era, en efecto, un rapaz agarimoso, con capacidade de socialización, con amigos fieis do seu curso, todos eles galegofalantes. Imaxino que algo contribuíu á consolidación dos seus usos lingüísticos o feito de teren algúns profesores que practicaban o galego como lingua vehicular do ensino. Non teño, pois, ningunha obxección que facer ao autorretrato psíquico, que, agora con cargo público, nos ofrece de si mesmo na dita entrevista. Interésame, iso si, comentar, pola transcendencia do tema e a responsabilidade do seu posto, algúns dos seus argumentos para xustificar, en base a unha valoración acrítica sobre a situación da nosa lingua, a política lingüística oficial. Debo recoñecer que me sorprendeu a facilidade con que, desatendendo o mínimo realismo, accede ao mundo da ficción, por non dicir da fantasía, ao tempo que coloca no campo do catastrofismo as análises e argumentacións que aluden e referendan o retroceso alarmante dos usos do galego nos trinta últimos anos, e, en especial, os quince últimos. Neste sentido, calquera utente habitual, isto é, con orientación social unilingüe na Galiza, comproba todos os días este retroceso cuantitativo, quer no aspecto etario quer no espacial e mesmo no referencial e emocional, se se quixer, no ideolóxico. Entre as consecuencias do proceso de globalización (aquí inseparábeis dunha maior españolización asimilista) e a política lingüística da Xunta e do Estado, o resultado non podía ser outro. Hai forzas de resistencia, si, medre da adhesión consciente ao idioma, si, larvada pola dificultade para vivir usándoo sempre aquí; tamén hai máis usos formais escritos e audiovisuais. Porén, o peso, a incidencia destas melloras no conxunto social é pequeno, e desde logo sempre produto do esforzo individual e privado.

 

Feixoo e o PP fixéronse co goberno da Xunta após unha campaña, orquestrada dentro e fóra, contra unha suposta imposición do galego na escola. Na realidade, un tímido intento do bipartito por impulsar liñas de ensino infantil na nosa lingua nas sete cidades, co permiso dos pais e un relevante número de solicitudes a favor. O dano social que fixo aquela campaña non só non foi reparado, senón que, xa no goberno, se afondou na marxinación e na exclusión noutros chanzos educativos. Teño a certeza de que, se o Secretario Xeral visitar o instituto onde estudou, podería comprobar o retroceso no uso do galego na rapazada respecto da súa época, e tamén no uso como lingua vehicular do ensino. O que el chama paz social non significou mudanza positiva algunha nos servizos públicos que dependen da Xunta, nin no sistema educativo, nin no Sergas, nin na TVG, por citarmos exemplos relevantes de competencia autonómica. Os retrocesos na educación e na TVG foron promovidos e alentados. Na marxinal área competencial da Secretaría Xeral non dubido que se practique o diálogo. Tampouco dubido do interese do PP en colocar no posto unha persoa que se define como galeguista, para limar arestas e recompoñer imaxe, perante un determinado sector, sen rectificación mínima da súa práctica. Porén, non se pode agochar unha hostilidade activa afirmando que as cousas van tan ben que somos tres millóns de galegofalantes na Galiza ou que a porcentaxe de persoas con competencia lingüística e uso do galego supera o 80%. Esta conformidade coa política oficial, construíndo unha realidade ficcional tan atordoante, pode producir felicidade ilusionista. Alguén pensará: se non podes cos inimigos, únete a eles. Mais, neste caso, ningún diálogo ou empatía valerá para remediar a práctica hostil de facto. E as responsabilidades do Goberno ao que pertence o Secretario Xeral nesa hostilidade son de calibre. Sexa dito, con toda cordialidade e afecto polo entrevistado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario