Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 10 de setembro de 2022

De liberdade e imposición


 por Francisco Rodríguez en Nós Diario:

O meu artigo da semana pasada provocou algún comentario que, malia non ser representativo da inmensa maioría dos leitores e leitoras de Nós Diario, manifesta a ideoloxía que emana dos poderes hexemónicos e impregna unha boa parte da sociedade galega. A falta de debate e o estancamento ou retroceso dunha política lingüística a favor da lingua galega recrúa, aínda máis, a ideoloxía hostil a ela, os tópicos que a sustentan. A súa concepción de fondo, por máis que se agoche, en maior ou menor medida, é considerar o galego como lingua prescindíbel, eliminábel e impertinente a efectos do uso para todo. A única lingua que debe gozar do status de necesaria, útil e obrigada para as administracións públicas, e na vida social formal, é o español. Non resulta difícil axexar este rostro real nos discursos e na práctica dos que braman contra a aspiración de facer do galego un idioma de uso social corrente en todas as funcións no seu propio territorio, na súa propia sociedade, no país en que se orixinou. Tampouco podemos esquecer os conflitos que teñen que padecer os utentes do galego só por selo na súa propia sociedade, como exercicio práctico desa aspiración, nunha atmosfera de desamparo e indefensión. O que algúns consideran paz lingüística non é máis que o reforzamento dun statu quo letal para o idioma propio do país. É abenzoar o retroceso dos usos sociais do galego, e a acomodación a esa idea de o galego ser prescindíbel, como forma de aforrar conflitos.

 

Á hora da intervención social, a animosidade contra o galego agóchase no tópico da exaltación da liberdade na elección de idioma, e na belixerancia, por considerala unha imposición, contra calquera medida que o contemple como de uso obrigado para as administracións e os seus servizos, amparo legal dos utentes e garantía do seu coñecemento para poder usalo. A liberdade individual dos debeladores do galego é tan falaz que, coa súa concepción, anulan calquera posibilidade de os galegofalantes exerceren o uso do seu idioma libremente en toda parte. Tamén cegan a vía para dotar de competencia lingüística e capacidade real para usalo a boa parte dos que non o falan como consecuencia do proceso secular de dominio e asimilación. Tratan así de facelo irreversíbel e aceleralo. Os idiomas que non gozan de dereitos amparados e asegurados polas administracións públicas colocan os seus utentes reais e os potenciais nunha calexa sen saída. A súa liberdade, deixando intactos e mesmo reforzando todos os mecanismos de dominio seculares, colabora, con eficacia, a que non se desmonten, presumindo enriba así de ser a vontade da xente quen o avala. Pasar desta concepción ao tópico da imposición do galego resulta doado, tanto como cínico. É unha inversión da realidade, pois converte o dominado e discriminado en dominador e discriminante, polo simple feito de querer existir con pleni-tude. Ningún idioma na súa existencia social depende dun concepto de liberdade individual. En todo caso, de liberdade colectiva, a de usar sen discriminacións o idioma propio. A existencia dun idioma depende tamén de ver e sentir como necesario o seu uso, de identificarse con el como propio. En todo isto conta moito cal é a referencia que se ten como principal ou preferente. Hai corenta anos, ninguén dubidaba de o idioma propio de Galiza ser o galego. Hoxe hai quen pretende que os resultados do dominio, da falta de liberdade colectiva, a asimilación e subordinación ao castelán dentro de Galiza, o lexitimen como lingua propia, a forma de que perdamos mesmo a memoria histórica e interioricemos que non existimos como pobo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario