Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 26 de novembro de 2022

Lingua e ensino


por Marta Dacosta en Nós Diario:

 

Esta semana falamos da lingua. Foi na xornada "Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria" promovida desde a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Tamén esta semana liamos nestas páxinas a entrevista a Pepa Baamonde, profesora expedientada nos 80 por exercer a súa profesión de acordo coas súas conviccións pedagóxicas de que as aulas debían ser impartidas en galego.

 

Lendo a entrevista sorprendinme cos paralelismos con situacións posteriores, penso no conflito no colexio de Palmeira, aos poucos días de entrar en vigor o Decreto 247/1995, a primeira vez que a regulación do uso da nosa lingua no ensino adquiría o rango de Decreto.

 

Ou como foron os intereses políticos antigalegos os que apremaron contra o Decreto 124/2007 desde antes de nacer. Aquel decreto recollía o aprobado tres anos antes no Parlamento por unanimidade, o uso da nosa lingua nas matemáticas e outras áreas científicas até acadar o 50% das horas de docencia.

 

 

Ese Decreto foi un dos temas centrais da campaña do aspirante Feijóo que, aos poucos días de tomar posesión iniciou un desarticulamento progresivo daquela norma e que logo sacaría da chistera a proposta do plurilingüismo entendido como trilingüismo ou como dicir que dámos as clases en inglés para reducirlle espazo á lingua galega.

 

O resultado xa o coñecemos: o avance da desgaleguización das persoas máis novas, as que no futuro terán que transmitir a lingua, esa que aínda lles falan os seus avós e que eles talvez non lle falen aos seus netos.

 

Por todo iso, cómpre un compromiso efectivo coa normalización da lingua (compromiso que, como di o Comité de Expertos da Carta Europea, non se comprobou en Galiza). Un compromiso que revise e actualice a lexislación e as prácticas tendo en conta a situación actual. Existe xa unha proposta amplamente referendada que foi presentada aos grupos parlamentares, agás ao PP que se negou a recibila: a Proposta de Bases para a Normalización do Ensino en Galiza.

 

É moita hora de a poñer en marcha.

Ningún comentario:

Publicar un comentario