Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 23 de febreiro de 2024

Español, para que?


 por Lois Agrelo, en Nós Diario:

Estou completamente de acordo co presidente Rueda, en Galicia ten que existir un bilingüismo, e ate un trilingüismo, harmónico entre as tres linguas verdadeiramente útiles nos tempos que corren: o inglés, o chinés e o galego.

 

O galego, xa que estamos en Galicia e é a nosa lingua propia, a que creamos nós de forma colectiva dende hai xa 1200 anos e seguimos creando día a día, deixando a nosa pegada única no mundo. Pois un pobo que perde a súa lingua é como un fillo ao que lle morre a nai, ou máis ben como unha nai á que lle morre un fillo. Ningún pobo debería pasar polo trauma de sobrevivir á súa lingua.

 

Outro motivo, máis persoal quizais, é poder gozar da nosa marabillosa literatura, para min a mellor do mundo. As obras de Cunqueiro, Rosalía, Blanco-Amor, Avilés de Taramancos... téñense que ler na lingua na que foron imaxinadas. E a música... ai, a nosa música! O noso teatro, o noso cine... ou acaso non merecemos unha cultura propia? E non esquezamos as conexións co mundo lusófono, de gran relevancia e actualidade internacional, das que falarei máis adiante.

 

E o inglés e chinés como linguas francas, útiles e internacionais. Quen fala español a nivel internacional? Acaso é unha lingua que se escoite no G7 ou na OTAN? O único país dos BRICs de Suramérica é Brasil, e xa o temos cuberto, 214 millóns de habitantes. E os países de fala hispana en latinoamérica miran todos a EEUU, emigran sabendo que van ter que aprender inglés. Os que van a España é porque non os deixan entrar no país de Smith & Wesson e teñen que conformarse cunha economía máis pobre e con menos oportunidades. De feito, os mexicanos máis podentes xa falan unha mestura de español e inglés, o famoso spanglish. É dicir, foxen das súas pobres raíces hispánicas cara ao rico mundo anglosaxón. Porto Rico prefire ser ianqui. E no resto de países latinos falan cadansúa propia variante do español, en ningún se fala o castelán realacadémico cervantino que nos ensinan na escola.

 

Entón, para que serve o español? Para comunicarnos coa poboación española peninsular, uns 47 millóns? Dos cales case 3 millóns falan galego, outro millón, euskara e outros 9 millóns catalán. Quedan 34 millóns de falantes, e tamén hai unha parte non contada que entende ou fala galego (Castela e León, Extremadura, Asturias...). E, por suposto, os 10 millóns de falantes de portugués peninsular.

 

Para que perder o tempo na escola aprendendo unha lingua que só serve para falar con apenas 30 millóns de persoas, cando se podería ensinar inglés ou chinés e abrirnos ao mundo de verdade? Con todo o tempo que se lle adica ao español na escola, nuns cantos anos somos Luxemburgo a nivel de linguas. Co beneficio engadido de poder prestixiar unha lingua propia e non ser os “españois con el acento cantarín”, sumidos no tópico e na irrelevancia por eses mesmos que impoñen a súa pobre lingua a través de argumentos de imperio caído. Porque si, o español é lingua de pobres, e o inglés, o chinés ou o árabe, lingua de ricos. Ou non eran eses os argumentos?

 

Se queremos que os nosos nenos e nenas teñan futuro, hai que ensinarlles linguas útiles e internacionais, e non unha trapallada irrelevante que só se fala en Madrid. Resulta funcional se queres ser vendedor de chinchos ou levar unha casa rural, pero pouco máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario