Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 21 de febreiro de 2024

Acordo pola lingua


 por M. Bragado en Nós Diario:

Abondaron apenas dous minutos do debate da CRTVG para que Rueda premese na campaña a tecla antipánico e recuperase o discurso ultra da "imposición del gallego" de hai quince anos. Amosou que calquera referencia ao galego ou nova proposta para o seu uso lle parece excesiva ou perigosa. Sentiuse atacado por Besteiro cando convidou aos conservadores a utilizar o galego nas cámaras das Cortes.

 

Quedou chocado cando Pontón se comprometeu a traballar por un gran acordo pola lingua, que incluíse a derrogación do decreto 79/2010 de Plurilingüismo e a aprobación doutro pola igualdade lingüística, coa intención de que todo o alumnado acadase "igualdade no coñecemento para que haxa liberdade de expresión". Proposta que levou a candidata do BNG, no seu momento máis brillante, a enfrontar a Rueda co dilema de unirse a este acordo ou continuar detrás da pancarta contra o galego como fixera o 8 de febreiro de 2009.

 

E tras sete segundos (interminables) de silencio, non atopou outra saída que tirar do vello discurso lingüicida e tachar a proposta da nacionalista como de imposición do "monolingüismo, o do ensino unicamente en galego" e, despois, nun chimpo de TikTok convidar a "ler o programa do BNG". Lectura que ben paga a pena, xa que as seis páxinas que os nacionalistas dedican a lingua, un dos once eixos condutores do seu programa electoral, ademais das incluídas no de política educativa, constitúen un chamamento razoado a construír un grande acordo nacional pola lingua galega, que acade consenso amplo entre os axentes políticos, económicos e sociais para reverter a perda acusada de falantes da última década.

 

E o que é aínda máis novidoso, ofrece o compromiso de introducir unha perspectiva de lingua que axude a que se teña en conta o fomento do uso e do prestixio do galego nas accións do goberno que o permitan. O 18 de febreiro escollemos tamén entre construír ese acordo estratéxico pola esperanza do galego ou continuar coa deriva actual do seu esmorecemento en voz baixa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario