Mentres o concello de Ferrol, gobernado polo PP, se botaba ao monte en días pasados ao negarse a empregar o galego nos contratos , o de Santiago, dirixido polo BNG, impulsaba a seguinte declaración institucional de compromiso co uso da nosa lingua:
En maio de 1984, varias alcaldías galegas reuníanse en Santiago de Compostela para asinar unha declaración na que se comprometían a impulsar o uso da lingua galega nas súas administracións. Aquel documento, que manifestaba a adhesión aos obxectivos da Lei de normalización lingüística aprobada no Parlamento de Galicia un ano antes, marcaba unha folla de ruta para “unha efectiva normalización en todos os eidos da vida pública, social e cultural”.Ese compromiso inicial sinalaba obxectivos para o caudal de documentos dos servizos administrativos, o uso do galego por parte da representación institucional, a formación do persoal, o emprego na publicidade ou a organización de campañas para a normalización, dignificación e promoción do uso público da lingua.
Consecuentemente co asinado, o Concello de Santiago iniciou un proceso con fitos salientables como a creación dun departamento específico con estes obxectivos xa hai catro décadas, a aprobación coa unanimidade do Pleno do Regulamento de uso da lingua en 1988 e do Plan de normalización en 2002, ou o impulso desenvolvemento de iniciativas colaborativas como o programa Apego ou a creación de Alingua (Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega).
Estes corenta anos de política municipal en prol do uso do galego, sobre a base do consenso entre todas as forzas políticas da Corporación, deron como resultado un progresivo, aínda que lento, aumento do noso idioma na comunicación do propio Concello e tamén dos diversos sectores e entidades sociais.
Nas análises sociolingüísticas que dan conta da vitalidade da lingua, Santiago obtén resultados máis favorables que a media galega e que o conxunto das cidades. Estes datos han ser froito da suma de circunstancias que se dan no noso municipio, pola súa configuración socioeconómica, o peso do sector cultural ou a presenza da Universidade e das institución autonómicas, ás que non pode ser alleo o papel do Concello. Con todo, desta relativa mellor saúde do galego en Compostela non se pode nin se debe inferir que xa se alcanzaron os obxectivos de normalización da lingua, que non goza, nin moito menos, dunha situación de preeminencia na práctica de ningún tramo poboacional e está a sufrir os mesmos procesos de perda de transmisión ás xeracións máis novas que se manifestan no conxunto do territorio. Cómpre, polo tanto, que non decaía o nivel de protección, uso e promoción que se veu mantendo e é preciso, asemade, imprimirlle un novo impulso.
No panorama actual da comunicación, en que os intercambios entre falantes de linguas diferentes son algo cotián e o desenvolvemento tecnolóxico facilita a intercomprensión, a diversidade lingüística non é unha barreira senón unha riqueza. Ter unha lingua propia, neste novo mundo interconectado, enténdese como un patrimonio de toda a humanidade que debe ser preservado e potenciado pola comunidade da que xorde como elemento identitario dun xeito de relacionarse e de explicar a realidade. Xa que logo, o galego, a nosa lingua propia, é ese elemento diferente que nos sitúa no mundo, que nos conecta con millóns de falantes e á vez nos fai especiais.
Desde o Concello de Santiago, como capital de Galicia, temos unha responsabilidade excepcional co galego, a nosa lingua propia dentro dese patrimonio mundial da diversidade, a da comunidade que representamos. Coherentemente con ela, debemos manter e anovar os compromisos adquiridos para darlle maior pulo ao proceso da súa normalización social e, por iso, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2024, para alén de divulgar a obra de Luísa Villalta, escritoria homenaxeada este ao: Comprometemonos a continuar ampliando o espazo do galego a través de toda a actividade comunicativa do Concello, con constancia e con calidade.
Comprometémonos a continuar garantindo os dereitos lingüisticos de todasvas persoas que se relacionen coa Administración municipal e a facilitar os medios para que ninguén sufra discriminación por empregar o galego no acceso a calquera información ou servizo. Comprometémonos a ser exemplo e a trasmitir socialmente que a nosa lingua é a mellor escolla para canalizar e presentar os nosos valores, o noso talento, a nosa cultura ou os nosos produtos ao mundo.
Comprometémonos a impulsar na veciñanza o respecto pola lingua como sinal de identidade de excepcional valor nun mundo globalizado e a apoiar a súa transmisión ás novas xeracións, a súa aprendizaxe, a súa promoción e, en definitiva, o seu desenvolvemento social pleno.
Comprometémonos a continuar dedicando recursos e esforzos a iniciativas que sitúen o galego á mesma altura que calquera outra lingua nos ámbitos culturais, sociais, económicos, formativos, tecnolóxicos etc.
Comprometémonos a colaborar con outras institucións e entidades que compartan estes obxectivos e a traballar xunto con elas en cantas accións sexan posibles para situar a nosa lingua no lugar que lle corresponde.
E, finalmente, comprometémonos a continuar implicando a sociedade compostelá e as entidades que a articulan nestes fins en favor do noso idioma propio, o galego. Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024
Ningún comentario:
Publicar un comentario