Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 25 de abril de 2024

Paremos o exterminio do galego de Asturias


Comunicado de Prolingua:

A asociación Axuntar do Eo-Navia solicita axuda económica para acudir aos tribunais co obxecto de denunciar e tentar parar o intento indisimulado da Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) e do Goberno do Principado de Asturias de eliminar o glotónimo oficial e legal galego-asturiano ou galego/asturiano (así desde a Lei 1/1998, de 23 de marzo, de uso e promoción do bable/asturiano, BOPA de 28 de marzo) e substituílo polo ilegal “eonaviego”, para eliminar así toda conexión co galego e facilitar a súa absorción polo asturiano pola vía dos feitos consumados.

 

https://axuntar.eu/pararlles-os-pes-campana-de-axuda-al-gallego-de-asturias/

 

Despois de andar durante os últimos anos disimulando e alternando galego-asturiano con eonaviego en noticias e textos de todo tipo, o Goberno asturiano, no Decreto 25/2024, de 15 de marzo (BOPA de 19 de marzo), polo que establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Política Lingüística e Deporte, oculta sempre o nome legal de galego-asturiano e substitúeo en todos os casos por eonaviego, glotónimo que nunca aparece na citada Lei 1/1998.

 

A Presidenta da ALLA en 2006 suxeriu o emprego do glotónimo “eonaviego” como axeitado para nomear a fala do Eo-Navia porque “Decir gallegoasturiano tiene connotaciones peyorativas” (El Comercio de Xixón, 20/11/2006). En 2021 a ALLA manipulou unhas enquisas para logo publicitar que o 65% da poboación do Eo-Navia lle chama eonaviego ao que fala, cando iso é absolutamente falso (véxase https://paporrubio.blogspot.com/2021/07/uas-reflexiois-sobre-iii-encuesta.html).

 

No devandito Decreto 25/2024 do pasado marzo noméase once veces o asturiano e oito a lingua asturiana, pero só en cinco ocasións o “eonaviego”. Porén, entre as funcións da Dirección Xeral de Acción Titular e Normalización Lingüística, no art. 6.1.f. establécese a “defensa y promoción de la lengua asturiana como patrimonio colectivo de Asturias”, sen que en ningún momento e dun xeito equivalente, se faga mención ao galego-asturiano como a outra lingua propia e patrimonio colectivo de Asturias que é.

 

ProLingua, asociación apartidaria que traballa a prol do galego en todo o seu territorio lingüístico, considera que o cambio de nomenclatura ten como obxectivo a invisibilización e ocultación da filiación galego-portuguesa da lingua galega de Asturias, e a súa consideración como unha variedade dialectal do asturiano para a súa posterior absorción por este. De feito, a Academia de la Llingua Asturiana é a única academia no mundo que tutela dúas linguas, a propia e a veciña.

 

ProLingua acha tristísimo e infame que unha academia dunha lingua minorizada (ALLA) e un goberno que se di progresista (PSOE) adopten os mesmos posicionamentos e comportamentos negacionistas que exhiben o Goberno do PP-Vox de Valencia verbo do catalán valenciano e o PP-Vox de Aragón verbo do aragonés e do catalán da Franxa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario