Páginas
venres, 31 de xaneiro de 2025
Emerxencia lingüística: do estado da cuestión á acción
Comunicado de NEG con reflexións sobre a particular conxuntura lingüística na que nos atopamos, contribuíndo así ao debate público sobre o presente e futuro do noso idioma
xoves, 30 de xaneiro de 2025
Apelidos galegos, nomes galegos
No ano 2016 a RAG publicara "Os apelidos en galego: orientacións para a súa normalización" con 1500 referencias. Agora acaba de presentar unha nova ferramenta en liña con máis de 6000 apelidos que, afirman, abranguen a máis do 95% da poboación galega. Trátase da Guía de apelidos galegos, unha ferramenta que ten o claro obxectivo de restaurar os apelidos bárbaramente castelanizados. A plataforma ofrece un informe do Seminario de Onomástica da RAG acreditando a forma oficial do apelido (ver imaxe de abaixo a modo de exemplo). O coñecemento dos apelidos pódese ampliar desde outro portal, o da Cartografía dos apelidos de Galicia, un proxecto do ILG.
Non é esta a única ferramenta sobre onomástica. No ano 2022 xa publicara a Guía de nomes galegos, que tamén é accesible nunha plataforma específica que ademais contén información sobre cada nome como é a súa distribución xeográfica.
mércores, 22 de xaneiro de 2025
A cerna
por Manuel Bragado en Nós Diario:
Na polémica sobre a posibilidade dun pacto pola lingua éche cada vez máis difícil entender como encaixa a elaboración dun novo plan de uso do galego por parte dun grupo de expertos coa determinación expresada polo presidente da Xunta de Galicia de manter a "doutrina 79/2010" e o argumentario lingüicida da "imposición del gallego", que xustificou o decreto de plurilingüismo, cuxo fracaso xa é incuestionable, despois da publicación dos datos do IGE sobre o coñecemento do galego polos escolares. Secasí, despois da presentación do equipo redactor do novo plan, do que forman parte algunhas persoas con contrastada formación sociolingüística, recoñécese o perfil baixo outorgado no grupo á educación lingüística onde, porén, se atopa a cerna de calquera estratexia normalizadora que pretenda recuperar falantes e lectores para o noso idioma. Por moi capaces que sexan estas persoas expertas, e os equipos que elas formen, en propoñer iniciativas innovadoras para o fomento do galego, chegará un momento no que teñan que enfrontar a cerna dunha educación lingüística, recollida nun modelo curricular, compatible co ditame máis recente dos expertos da Carta Europea das Linguas, que (non esquezamos) reclama unha posibilidade de escolarización en galego da Educación Infantil á Universitaria, como de retirar as limitacións actuais das disciplinas STEM en galego. Coa intención de non enredar durante un ano con falsas expectativas, mellor sería que dende xa se iniciase o complexo debate sobre cal vai ser a educación lingüística no sistema educativo galego. Unha prioridade que pasa tanto pola avaliación (por fin!) dos resultados do decreto 79/2010 como pola análise de modelos curriculares que nun contorno plurilingüe permitan que todo o alumnado galego ao remate da escolarización obrigatoria acade idéntica competencia nas linguas oficiais e suficiente en portugués e inglés. Meter a educación lingüística no caixón dos asuntos intocables sería o mesmo que andar ás miñocas, como dicimos no galego de Vigo.
luns, 20 de xaneiro de 2025
Didáctica para a estabilidade lingüística
O relator desta intervención no LGx15 da CTNL é Bernardo Penabade Rei, un dos fundadores do Modelo Burela, primeiro proxecto de planificación lingüística aprobado por unanimidade nunha vila galega. Desde 2012 coordinou en Radio Burela o programa radiofónico @ProxectoNeo, centrado nas experiencias de persoas neofalantes do noso idioma.
venres, 17 de xaneiro de 2025
Catálogo de xogos do CEIP López Fereiro
O ENDL do CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela) en colaboración co Equipo do Plan Dixital elaboraron este vídeo-catálogo de xogos.
xoves, 16 de xaneiro de 2025
O galego peta de novo
por Uxío Labarta en La Voz de Galicia:
Unha declaración institucional da Real Academia Galega peta de novo sobre o galego. A partires da Enquisa de condicións de vida das familias do Instituto Galego de Estatística (IGE) do ano 2023, analizada con amplitude no Informe sobre a situación da lingua galega da autoría de Monteagudo, Loredo e Vázquez-Grandío, a RAG alerta de novo e propón solucións para o que segue sendo a dramática da lingua galega. Aquela analizada por Xesús Alonso Montero, nun texto firmado en Lugo un 4 de abril de 1973. Ou, cunha outra fasquía, a de Francisco Rodríguez, Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza, dende a súa primeira edición no 1976. E mais logo as obras de investigación de Henrique Monteagudo e o seu equipo, e os innúmeros e destacados ensaios de sociolingüística da súa autoría. Digo isto porque antes da declaración institucional e a situación que se desprende do informe e da enquisa do IGE 2023, viñamos ben avisados. Tan avisados que fomos afortunados cando o noso Parlamento no 1983 aprobou por unanimidade unha lei de normalización lingüística e un pronto desenvolvemento para introducir o galego no ensino, mesmo coas eivas, erros e retesías. E, nalgún tempo, teren material audiovisual para nenos e series de ficción de sona. Aínda que nunca se lle prestara a atención debida ás novas tecnoloxías ou redes. Tamén por contar con «conversos», que dixera Otero Pedraio, que axudaron a facelo posible.
martes, 14 de xaneiro de 2025
Onde cabe unha lingua caben dúas
Sole Felloza é actriz, contadora de historias, fotógrafa de patrimonio, escritora e dramaturga. Tamén é directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, con sede en Galicia (2013-2024). Nada na beira do río Uruguai, percorre o mundo e tenta contalo.
martes, 7 de xaneiro de 2025
Que ten pensado facer co galego o Goberno do PP?
por Lourenzo Fernández en La Voz de Galicia:
Hai un dito na universidade: cando un problema non ten solución, ou non hai capacidade para tomar unha decisión, monta unha comisión. Véuseme á cabeza a propósito da proposta da consellería de organizar dez grupos de traballo para actualizar o plan de normalización de hai vinte anos. É a única reacción a unha realidade estatística dramática sobre a perda de falantes. Mudaron os tempos, os modos e as persoas. A vella idea de normalización non ten sentido hoxe en día, tíñao hai corenta anos, cando se concibiu para darlle normalidade a unha lingua que estivera fóra dela durante a ditadura e fóra da Administración dende sempre. Menos aínda fai sentido afrontar a perda de falantes cun plan que fracasou, como demostran os datos. O asunto non é o plan senón de política. Foi a política de Feijoo a que fixo fracasar o que aquel plan puidera ter de bo. Foi a política dos gobernos do PP nos últimos quince anos a que nos trouxo a esta situación. A resposta só pode ser política, non técnica, a penas social.
luns, 6 de xaneiro de 2025
15 anos e un día
Xa van alá 15 anos e un día desde que estou mantendo este blogue. No último ano tivo un total de 127.000 entradas. Nesta ocasión vou destacar unha etiqueta (tag), Opìnión,da que xa hai 1803 entradas. Entre as máis visitadas destes últimos 365 días destaco as seguintes:
- Os nosos dereitos lingüísticos: vivir en galego. A avogacía exercida dende o galego: casos e sucesos, coa participación de Elsa Quintas Alborés no LGx15 (19/01/2023)
- Un libro de astronomía en galego no que se fai referencia a un boletín da Marela Tarabela (25/12/2010). Aquí vese o vello que é este blogue.
- 9 mentiras e unha omisión da SXPL, cunha análise da política lingüística fronte ao informe do IGE deste ano (14/20/24). Por fin unha entrada deste ano.
- Previndo os riscos da burbulla do decreto. (16/06/2010) Pódese dicir que, dalgunha maneira este é a entrada fundacional da Carta Xeométrica. Ata aquel momento eu mantiña un blogue do IES Pintor Colmeiro: "O taboleiro do Colmeiro". Esta entrada foi a última daquel blogue. Non lle gustou a algunha xente, quizais porque contiña parágrafos como o seguinte: "Está claro que antes de lle ensinar aos nenos, á xuventude, que o galego non é unha lingua apta para a ciencia, é preferible non darlles clase de ciencias. Está claro que antes de manipular a todo o alumnado de primaria e secundaria desta maneira, é preferible pechar as portas dos centros de ensino." Así que retirei toda referencia ao IES e comecei coa Carta Xeométrica.
- El gallego es la leche (1/05/2024) onde se pon en contexto unha iniciativa da Consellaría de Xuventude: a apariencia é normalizadora, a realidade profunda é un lavado de cara dunha política profundamente antigaleguista.
- La selectivitat de català en Polònia (8/06/2024) Recóllese un divertido vídeo do programa da TV3, Polonia no que se pon en evidencia o discurso supremacista do español
- "Con seseo, con gheada, falar galego é unha pasada" (22/06/2024) Recóllese un vídeo do O CPI da Picota (Mazaricos) foi o centro gañador do mellor vídeo do certame "Falemos + galego"