Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 12 de abril de 2025

Escoller a boneca galegofalante


 por Bieito Lobeira no Nós Diario:

A "proba da boneca Clark" foi unha célebre investigación social realizada nos Estados Unidos con crianzas pretas de entre 6 e 9 anos. Este estudo, para min arrepiante e ao tempo revelador, amosa basicamente como xa con idades moi curtas as cativas interiorizan con naturalidade os peores prexuízos, o racismo estrutural, a autopercepción de inferioridade, ou o que aquí chamariamos autoodio. As gravacións desas entrevistas seguen a impactar. Neniñas pretas que, perante dúas bonecas (unha branca e outra preta), responden ás preguntas formuladas optando de xeito sistemático por consideraren que a boneca "boa" é a branca. A "bonita" é a branca. A "intelixente" é a branca. Coa que lles gustaría xogar, e sempre a branca. E á pregunta de a quen lles gustaría parecerse, claramente optaban pola branca. Moitas das nenas mesmo dicían que elas tiñan un ton de pel máis branco, que as asemellaba a esas bonecas. Remataban a proba atribuíndo á tonalidade preta da pel das bonecas, e á súa propia, os atributos de "malo" e "feo".

A conclusión desta proba, sendo terríbel, non é unha excepción. Acontece en moitos pobos ou grupos étnicos sometidos, negados, discriminados, perseguidos ou colonizados. Os resultados na consciencia desa condición de subalternidade están á vista. O pobo Bemba (no actual estado de Zambia), con motivo da dominación británica, pasa a usar vestimenta "occidental" de xeito profuso e contra a lóxica do clima e da natureza da zona. Para imitar a quen manda. En Porto Rico hai máis bandeiras norteamericanas que en moitos lugares dos propios Estados Unidos, para intentar ser como a metrópole.


Non sei vós, mais no meu caso, no ambiente social en que me criei, socialicei e eduquei, o mellor, o bo, o bonito, e xa non digamos o moderno, era sempre o de fóra. Fose lingua, música, arquitectura, minifundio, historia, viño ou vestimenta; o noso, o propio, era pobre e non valía. O de fóra, o español, si. Ensináronme (ensináronnos) a fascinarme con todo o de fóra, co español. A escoller a boneca de fóra. Fixéronnolo a moitos, con maior ou menor éxito. Teño veciños, aos que quero, que reproducen exactamente cos seus fillos esas pautas de autodesprezo lingüístico que nos fixeron mamar de cativos a nós, aos nosos pais e ás nais dos nosos pais. Xeración tras xeración.

Chamémolo polo seu nome. Practicaron con nós xenofobia con intención etnocida, inherente aos sistemas de dominación. E tamén aquí (non só no clima) existe negacionismo, por certo bastante transversal, entre as forzas políticas españolas á hora de o admitiren.


Hai quen quere que as nosas crianzas escollan a boneca de fóra, porque é funcional para eles. Mais son tempos de autoestima fronte á inferioridade. De nos erguer e escoller, sempre, a boneca galegofalante.

PS: Conmemora hoxe a Fundación Galiza Sempre o 50º aniversario da AN-PG. Xeración extraordinaria, e un dos mellores impulsos organizados deste pobo por se descolonizar e dignificar o propio. Parabéns, e obrigado. Aí seguimos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario