A Asocición Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación emitiu este comunicado:
A AGPTI manifesta a súa decepción coas novas ordes para a concesión de axudas á tradución de obras literarias. Malia incorporaren cambios significativos reclamados polas asociacións do sector, recuncan en erros xa advertidos e sinalados no pasado e desatinan no enfoque necesario para que as axudas sexan coherentes e útiles para a realidade do sector.Aínda que consideramos positivo que por fin, logo de anos de reclamacións nese sentido, se separen as axudas para a tradución directa (doutras linguas ao galego) das axudas para a tradución inversa (do galego a outras linguas), constatamos que na práctica esta separación resulta case anecdótica, pois non se acompaña dunha estratexia diferenciada para a tradución inversa que realmente promova a proxección da nosa literatura no exterior. Esta orde calca de maneira case literal a orde de axudas á tradución directa sen ter en conta cuestións prácticas relativas á tramitación, aos perfís e á localización das entidades solicitantes, que requiren dunhas especificidades adaptadas á súa realidade.
Con respecto ao mecanismo para a concesión das axudas, agradecemos que, froito das nosas reclamacións, se recupere a comisión de avaliación, con representantes das asociacións de profesionais, para a valoración das solicitudes e a resolución das axudas. Porén, nos criterios de adxudicación atopamos criterios inaceptables, a inmensa maioría xa advertidos no proceso de redacción das ordes a través de alegacións que foron completamente ignoradas pola consellería. Por exemplo, canto á valoración da traxectoria profesional da tradutora, incorpórase a formación específica en tradución, pero a redacción deste punto é ambigua e restritiva en exceso. Ademais, consideramos que os premios de tradución teñen un peso excesivo (35 % da puntuación) non acorde á realidade do sector, tendo en conta a escaseza destes galardóns.
No tocante ao interese cultural da obra proposta, mantéñense criterios cuantitativos que non teñen correlación coa calidade e inclúese, na valoración de obras estranxeiras para a súa tradución ao galego, «a difusión do patrimonio cultural galego nas súas diversas manifestacións, a súa vixencia e a súa influencia sociocultural, contribución da obra á difusión da imaxe de Galicia como sociedade avanzada», criterio tan incomprensible que dá a sensación de que se incorporou na orde equivocada.
Outros criterios de avaliación teñen que ver coa vixencia dos dereitos da obra e a súa publicación na última década, dúas vías que outorgan puntuación, en esencia, ao mesmo (obras recentes) e que penalizan as propostas de obras clásicas, o que atenta directamente contra a Lei do Libro en vigor. Ademais, inclúese como criterio a «alta tiraxe da obra noutras linguas», unha novidade incomprensible e problemática por numerosos motivos, entre os que destacan a redacción escura do criterio, que nin sequera permite saber a que tiraxe(s) se fai referencia, e a irrealidade dos números propostos: unha tiraxe de máis de 100 000 exemplares non só é excepcional, senón case que inalcanzable para o 99 % dos títulos do mundo (no Estado español, a tiraxe media dun título en 2023 non chegaba aos 4000 exemplares; no Reino Unido, a media é de menos de 10 000).
Respecto da proposta de resolución, agradecemos que se publiquen as puntuacións obtidas, o que supón unha mellora na transparencia do proceso. Porén, o feito de que para recibir o 90 % do custo da tradución (a axuda máxima) haxa que obter o cómputo total da puntuación (100 puntos) no canto dos 75 puntos de convocatorias pasadas constitúe un atranco incomprensible, especialmente tendo en conta algúns criterios expostos, que fará que practicamente ningunha proposta poida acceder a esa axuda máxima.
Por último, malia que a imputación orzamentaria das axudas á tradución directa sobe lixeiramente, faino en detrimento das axudas á tradución inversa. Isto é, o orzamento conxunto das dúas ordes é o mesmo dende 2009: 200 000 €. Tendo en conta o incremento dos gastos de produción do libro, na práctica representa unha redución das axudas.
Por todo o exposto, a AGPTI considera que estas novas ordes de axudas seguen sen axustarse á realidade do sector e que son unha oportunidade perdida para poñer en marcha unha verdadeira estratexia diferencial que promova a tradución dende e cara ao galego tendo en conta as especificidades de cada modalidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario