Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 19 de outubro de 2025

Cando a política ignora a lingüística

 por Xosé-Henrique Costas, en ProLingua:

Pasou na punta dos pés a aprobación do RD 798/2025 (BOE nº 232 de 26/9/2025) de creación do Consejo de las lenguas oficiales (CLO) e mais a Oficina para las lenguas oficiales (OLO), organismos que veñen subsituír os inoperantes Consejo de las Lenguas Oficiales en la Administración General del Estado e a Oficina para las Lenguas Oficiales en la Administración General del Estado, constituídos formalmente xa en 2008.


Pretendían ser estes uns órganos de coordinación en materia de medidas e políticas lingüísticas públicas entre a administración central e a administración periférica do estado operante en autonomías con linguas cooficiais recoñecidas estatutariamente. Pouca xente ou ninguén soubo da existencia deste organismo porque en nada se notou a súa existencia.

Refúndanse agora estes organismos, o CLO e a súa auxiliar a OLO, para asumiren as obrigas de España cos tratados internacionais de protección de linguas, nomeadamente a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), e faceren un seguimento e propostas de políticas lingüísticas cooperativas entre o Estado e os territorios de cooficialidade recoñecida. Ata aquí todo ben.

A novidade agora baséase en que en vez de seren meros convidados con voz e sen voto, ademais dos cargos ministeriais, inclúense xa como membros de pleno dereito representantes dos territorios cooficiais e, como convidados, academias e institutos de linguas. Alén diso, a suxestión dos membros do CLO, tamén se terán en conta nas xuntanzas as achegas de persoas relevantes nos temas tratados en cada ocasión.

É decer: no plenario do CLO xa hai un representante permanente de Galicia con voz e voto, que, supomos, ha ser o SXL, que á súa vez pode convidar puntualmente a algunha sesión persoas expertas para asesoraren en determinados debates e decisións.  Pero é que neste órgano novo tamén se incorporan dirixentes do Centro de Normalización Lingüística da Lingua de Signos Española (non da Lingua de Signos Catalá, que tamén existe), do INAP, do BOE e do Instituto Cervantes. Só do Cervantes, non do Etxepare nin do Raimon Llull (porque en Galicia non se creou o Instituto Rosalía de Castro de promoción do galego no exterior, tal e como constaba no PXNL de 2004). Xa que logo, na propia composición do CLO é manifesto o supremacismo do castelán.

No preámbulo ao articulado xa comeza fallando a redacción deste RD, pois como linguas oficiais (á parte do galego en Galicia, euskera en Euskadi e Navarra, e aranés/occitano en Cataluña) considera o valenciano como lingua diferente do catalán. Acho que xa teñen aquí o primeiro problema serio pola presión política do PP. A Academia Valenciana de la Llengua non é “de la Llengua Valenciana” porque recoñecen que valenciano é o glotónimo da lingua catalá en Valencia. En todas as universidades valencianas o alumnado pode estudar o grao de Filoloxía Catalá, porque desde o punto de vista filolóxico e lingüístico é innegable a unidade da lingua. Non hai Filoloxía Valenciana. Hai un cento de universidades do mundo onde se pode estudar Filoloxía Catalá, e en moitas ocasións os lectores son valencianos ou baleares. Non debemos deixar pasar que o presidente do CLO é un economista valenciano. Se cito isto agora é porque ten relevancia para o galego, como veremos máis adiante.

O CLO esta presidido polo Secretario de Estado de Política Territorial e vicepresidido polo Director Xeral de Cooperación Autonómica e Local, do Ministerio de Política Territorial. Como vogais están o SXTécnico, un representante oficial por cada territorio con lingua oficial, o representante da LSE, o director do INAP, o director do BOE e o director do Cervantes. Alén destes, poderán participar como convidados -con voz e sen voto- representantes de academias e institutos de linguas ou entidades normalizadoras, ou mesmo persoas expertas cuxa participación sexa relevante. O CLO pretende deste xeito servir de foro de debate e de impulso da CELRM, así como “foro de estudo da situación das distintas modalidades lingüísticas de España como patrimonio cultural”, “promover os valores do plurilingüismo” etc. O CLO reunirase unha vez ao ano ou a solicitude dun terzo dos seus membros (5).

Dentro do CLO créase a Oficina para las lenguas oficiales (OLO), para o estudo, promoción, asesoramento e planificación do uso das linguas oficiais na administración estatal e os seus organismos e entidades. O OLO, cando o considere necesario, poderá encargar estudos e informes técnicos de diagnóstico, recadar o asesoramento de expertos, ou constituír grupos e comisións de traballo especializado. Será un organismo de recollida, análise e intercambio de información en materia de linguas oficiais, e tamén se encargará de promover e difundir investigacións, enquisas e estudos relacionados coas linguas oficiais. Todo paso adiante, por mínimo que sexa, é urxente e vital para moitas das linguas do estado en situación de esmorecemento. Ata aquí todo moi ben pero xa empezamos mal…

O pasado 26 de setembro, á parte de saír no BOE a aprobación do RD de creación do CLO e do OLO, o Instituto Geográfico Nacional de España publicaba nas súas redes dous mapas lingüísticos de España: un das Linguas oficiais e outro das Linguas minoritarias con recoñecemento legal, ambos os dous de 2025.

No primeiro dos mapas escorrega pola corredoira ao separar nidiamente valenciano de catalán (mesmo con cores diferentes), feito lingüística e cientificamente indefendible.

Pero no segundo dos mapas, no das Linguas minoritarias con recoñecemento legal comete varios erros de vulto:

a) A extensión do chamado leonés é esaxerada, parece collida dun manual decimonónico,  e moi pouco realista, porque hoxe o leonés está reducido á franxa norte e montañosa de León e á comarca da Cabreira no suroeste de León. A que se representa no mapa foi a extensión pasada do leonés, pero non é a realidade actual. Por outro lado, xebrar asturiano ou bable de leonés, como se fosen dúas linguas diferentes, é lingüisticamente moi discutible, por máis que no estatuto de autonomía de Castela e León se fale unicamente de leonés, e no de Asturias do bable y sus variantes. Sería máis acertado chamarlle a todo asturleonés. 

b) Aínda que non están recoñecidas en ningunha lei autonómica española, si que están citadas e recoñecidas legalmente na Parte II da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias -ou gozan de recoñecemento BIC-  as seguintes minorías lingüísticas:

· En Estremadura: o galego do Val do Ellas ou Val de Xálima (tamén chamado Fala), en tres concellos do noroeste, e o portugués de seis concellos fronteirizos con Portugal de Cáceres e Badallouce

· En Castela-León: o portugués de dous concellos salmantinos fronteirizos (A Bouça e A Alamedilha)

· En Murcia: o catalán-valenciano falado en partes de tres concellos da comarca de El Carxe / El Carche

· En Ceuta:  o autóctono árabe hasanía de Ceuta.

· En Melilla: o autóctono tamazigh ou bereber.

Mais ningunha destas minorías recoñecidas aparece neste mapa, cando deberían figurar porque a propia CELRM as recoñece e as trata nos seus informes periódicos.

c) No mapa abráianos atopar como lingua diferenciada do galego o “Eonaviego ou galego-asturiano”, ao contrario do galego de León e de Zamora, que si figuran como galego.  Eonaviego non é ningunha denominación científicia nin legal, non aparece en ningunha lei. A denominación legal en Asturias (Ley de Uso y Protección del Bable/Asturiano, 1998) é galego-asturiano, polo tanto hai unha infracción da legalidade.

O goberno asturiano, pesimamente asesorado pola galegofóbica Academia de la Llingua Asturiana (ALLA), comezou a usar o glotónimo ilegal “eonaviego” para romper toda relación co galego, baseándose nun suposto uso popular que resultou falso, produto dunha burda manipulación de enquisas sociolingüísticas da ALLA (véxase: https://paporrubio.blogspot.com/2021/07/uas-reflexiois-sobre-iii-encuesta. html).

Na esquizoglosia que se vive en Asturias, a ALLA é a única academia do mundo que tutela dúas linguas: a propia, o asturiano, e a veciña, o galego de Asturias. Esta situación é tan esperpéntica como se o Insitut d’Estudis Cataláns normativizase e tutelase o aranés ou a RAE fixese o propio co asturiano.

A maneira de fagocitar o galego de Asturias (así recoñecido por toda a ciencia, todas as academias, toda a romanística e a hispanística) é negarlle a súa relación co galego e facelo dependente da ALLA, mesmo modificándolle o nome. É unha situación análoga a cando o PP aragonés de Luísa Fernanda Rudi proclamou que non existía catalán en Aragón e que no seu lugar o que había era unha lingua aragonesa chamada LAPAO (Lengua Aragonesa Propia del Aragón Oriental); no caso de Asturias sería outro LAPAO (Llingua Asturiana Propia de l’Asturies Occidental) pero chamado agora eonaviego, outro esperpento político. Verbo disto, léase o respectuoso e científico informe da Real Academia Galega:  https://academia.gal/documents/35271/442540/RAG_Informe_Galego_Asturias.pdf/609f6db9-3161-c9e1-46c7-336b9109e991


Quen induciu a erro neste mapa da OLO ao considerar o eonaviego como algo distinto do galego? Non o sabemos, pero sospeitamos (co risco de nos enganar) que detrás desta escorregada pode estar a boa e solidaria relación do Instituto Cervantes co asturianismo lingüístico.

O presidente do Cervantes defendeu a oficialidade do asturiano na Xunta Xeneral del Principau en abril deste ano 2025 (ABC de 31/3/25: https://www.abc.es/cultura/cervantes-garcia-montero-une-causa-asturiano-20250331171847-nt.html ), feito co que todos estariamos de acordo, Pero o Cervantes debeu escoitar só unha parte da historia, a narrada polo asturianismo galegofóbico negacionista, e, mal informado, posiblemente tivese que ver na elaboración errada deste mapa das linguas minoritarias, porque, coa lei na man, en Asturias só existe galego-asturiano, e non outra cousa.

Como da Xunta de Galicia e da Secretaría Xeral da Lingua non agardamos nada (e moito menos en todo o que atinxa ao galego de Asturias), vai decer algo a RAG? Vai facer ouír a súa voz nese plenario da CLO? Vaille enviar unha solicitude de corrección á OLO e ao IGNE? Porque se esta loia do eonaviego se instala fóra de Asturias estaremos abandonando 40.000 falantes de galego nas gadoupas do negacionismo galegofóbico e axudando a extirpar a nosa lingua do seu territorio histórico da terra Eo-Navia. U-lo Seminario de Sociolingüística da RAG?

Polo pronto, porque nada do que lle suceda ao galego nos é alleo, desde ProLingua ímoslles enviar unhas cartas amables a Luís García Montero, director do Instituto Cervantes; a Arcadi España García, Secretario de Estado de Política Territorial e presidente do CLO; e a Icíar Pérez-Baroja Verde, Subdirectora Xeral de Cooperación Autonómica, directora da OLO, responsables da publicación deses mapas. Informaremos das respostas recibidas.


Prolingua, Antas de Ulla, 30/9/2025

Ningún comentario:

Publicar un comentario