Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 21 de decembro de 2025

O profesorado non debe entender o galego

O profesorado non debe entender o galego. Esta é a conclusión que podemos tirar da carta de felicitación enviada polo conselleiro de educación, Román Rodríguez porque non nola envía só en galego.  Ben sei que non é a única razón pola que Román nos fai ese agravio, mais se chego a esa conclusión é por non ser mal pensado. Podería haber outra motivación para actuar así, sería que o conselleiro considerase que o galego é unha lingua menor polo que, no absurdo caso de empregala sempre debe ir acompañada da súa irmá maior, o castelán.


luns, 15 de decembro de 2025

M8 por ler

 

A Fundación Xistral afirma ser "unha declaración de amor a un xeito de entendermos a vida ... e a todos os que participan na construción da cultura que hoxe nos dota de identidade". Desde os seus comezos xa levan toda unha serie de campañas promovendo a cultura de noso. Hoxe traémola a este portal pola presentación da última das súas iniciativas, unha rede social sobre o libro galego, M8 por ler

A rede contén un catálogo inmenso de publicacións e vén cun buscador de fácil manexo que decontado nos leva a aqueles títulos que estamos buscando. 

Animo a todo o mundo a que se inscriba, a que consulte a información que contén de cada libro e a que valore e escriba unha pequena reseña sobre aquelas publicacións das que teña coñecemento para axudar ao resto da comunidade a guiarnos nas nosas lecturas. Unha magnífica iniciativa.

venres, 12 de decembro de 2025

 


por Xosé-Henrique Costas no Nós Diario:

Debido ao falecemento dun familiar, este ano vinme obrigado a lidar con varias notarías e rexistros para facer trámites de herdanzas, aceptacións de herdanzas, mercas e vendas de propiedades etc. Había case trinta anos que non me vía envolveito en cousa semellante e a experiencia anterior con estas instancias non fora moi positiva: daquela un banco non me quixera dar o escrito da hipoteca en galego e recomendárame, ademais, que non teimase moito coa "lideira" do galego porque do contrario a escritura de propiedade da casa podería demorar meses. Naquel momento traguei, tiña présa por pechar a operación. Logo cambiei de banco e, despois de moitas voltas, conseguín galeguizar a escritura.

mércores, 10 de decembro de 2025

Liñas de galego


 por Manuel Bragado no Nós Diario:

Decepcionoume o escaso eco do informe Un país coa súa lingua froito do foro organizado polo Consello da Cultura Galega coa intención de activar medidas que reforcen o uso social do galego. Entre elas son de interese as da comisión de Educación e Socialización, coordinada por Nel Vidal e Dolores Vilavedra, na que asumindo a necesidade de combinar planificación e educación lingüística, tabú para o Goberno de Rueda, se propón redefinir o enfoque do plurilingüismo situando o galego no centro de interese e fortalecéndose naqueles ámbitos, o tecnolóxico e científico, nos que hoxe non está. Resultan viables propostas para as que nin sequera sería imprescindible (aínda que si moi aconsellable) agardar á derrogación do decreto 79/2010, como ampliar e diversificar a oferta educativa en galego, fose por proxectos de enriquecemento lingüístico, fose ofrecendo liñas educativas nas que o galego é lingua vehicular, sempre que exista demanda suficiente e consenso na comunidade educativa. Secasí, resulta necesario impulsar unha campaña institucional e colaborativa que enxalce os beneficios de criar en galego cun enfoque emocional positivo e reforzo para as familias que o fagan. Certo é que resulta imprescindible revisar o modelo de educación lingüística, o que pasa por derrogar o decreto da vergonza de 2010 e acadar un acordo político transversal sobre un modelo alternativo que garanta que cada moza ou mozo ao remate da súa formación conte cun dominio operativo do galego equivalente ao doutras linguas de referencia, nada pois doutro xoves. Xaora, o documento das expertas do Consello da Cultura Galega, que merecería ser presentado no Parlamento, amosa que o acordo sobre a educación lingüística non pode quedar aparcado sine die. Deben activarse nos centros educativos medidas alternativas coma as citadas, e outras dun documento valioso, que vaian máis alá de lamentar os ataques lingüicidas ou de defender contra vento e marea un decreto que tanto dano fixo (e continúa facendo) ao galego. 

mércores, 3 de decembro de 2025

Promover o galego dende o local. Ames

 


"Promover o galego dende o local" é unha produción de Nós Televisión que aborda as diversas iniciativas de promoción da lingua galega se levan a cabo desde o Concello de Ames. 

A peza conta coas voces do alumnado e profesorado de 4º de primaria do CEIP de Barouta, de Henrique Monteagudo, Alonso Caxade, Andrea Porto, Branca Trigo, Julio de la Iglesia, Nuria Grandío, Rodri Míguez, Raquel Arias, Carmen Porto, Ana Belén Paz, Pilar Villaverde, María Cebey, Carlota Mera, Rosa Moreiras ou o alcalde de Ames, Blas García.