Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 22 de xaneiro de 2026

Atenea: xustiza e sabedoría


 por Xosé-Henrique Costas no Nós Diario:

A situación calamitosa da lingua galega no eido da Xustiza podería comezar a mellorar significativamente nos vindeiros meses. Algúns datos din que apenas 3% das sentenzas se redactan en galego. Que lle pregunten aos servizos xurídicos da CIG, no eido laboral, ou aos do Concello de Vigo, no administrativo, de cantos dos miles de preitos nos que interveñen lles chegan as sentenzas en galego (e en non poucos casos nun castelán incumpridor das leis autonómicas, por exemplo incorrendo na vulneración do artigo 10 da Lei de Normalización referida ao uso das formas oficiais dos topónimos).


Sempre deu moita envexa sabermos que en Euskadi e Cataluña os seus gobernos habilitaran programas informáticos para o traballo do funcionariado da Xustiza en cadansúa lingua, o Avantius e o EJCAT, respectivamente, mentres que en Galicia a Xunta sempre daba desculpas para non facer o mesmo coa nosa.


O día 20-N o BNG reclamou no Congreso que o novo programa informático da Xustiza Atenea estivese habilitado para o uso do galego e luns 24-N o Ministerio da Presidencia e Xustiza e a Xunta de Galicia asinaron un convenio para regular os servizos tecnolóxicos que o ministerio presta a Galicia neste eido. Este convenio facilita a adopción de novas ferramentas dentro da estratexia de transformación da Xustiza. Deste xeito, Galicia uniríase ao modelo de utilización tecnolóxica impulsado polo ministerio para modernizar a Xustiza e facela máis eficiente e accesible.


Uso prioritario do galego

Desde a óptica da lingua, este acordo supón un salto cualitativo dirixido a garantir o emprego do galego na Xustiza. Coa implantación da nova funcionalidade multilingüe no sistema de xestión procesal Atenea, o uso das diferentes linguas oficiais do Estado será posible nos trámites e na documentación xurídica. Todas as ferramentas dixitais empregadas na Xustiza serán transferidas a Galicia con soporte técnico pero, ademais, a Xunta poderá adaptalas e melloralas coas súas propias achegas.


É dicir: este convenio vai permitir que se poidan cumprir –agora sen máis escusas nin adiamentos– co artigo 7.2. da Lei de Normalización de 1983 durante toda a tramitación dos procedementos xudiciais ("As actuacións xudiciais en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada. En todo caso, a parte ou interesado terá dereito a que ser notificado na lingua oficial que elixa") e mais co artigo 7.3. ("A Xunta de Galicia promoverá, de acordo cos órganos correspondentes, a progresiva normalización do uso do galego na Administración de Xustiza"). A Xunta, en todo este tempo nada promoveu, e así iamos, con 40 anos de atraso, pero chegamos.


Mágoa que non haxa indicios de incluír o requisito de coñecemento da lingua propia para xuíces e fiscais poderen exercer en territorios de dobre oficialidade


Agora xa non ten desculpa ningunha: xa existen as ferramentas informáticas, agora só depende dela o cumprimento do art. 7.3, agora a Xunta é a única responsable de que cando se implante o programa Atenea a versión bilingüe sexa plenamente operativa, ofrecéndose por defecto e primeiramente en galego, tal e como lle esixiron sempre as asociacións do mundo xurídico (Irmandade Xurídica Galega), as organización cívicas e de consumidores e ata o mesmo Consello de Europa nos seus informes sobre o (in)cumprimento en Galicia da Carta Europea das Linguas.


Isto quere indicar que agora a cidadanía poderá exercer os seus dereitos lingüísticos no eido xudicial en todo o relativo a procedementos, notificacións das resolucións, sentenzas etc., co que os funcionarios de Xustiza que queiran operar en galego xa non terán que realizar un militante sobreesforzo de tradución como ata agora facían.


Coñecemento da lingua

A auténtica mágoa é que na reforma do Consello Xeral do Poder Xudicial que seguen a pactar PP e PSOE (os socialistas non dan escarmentado!), non haxa indicios de que vaian incluír o requisito de coñecemento da lingua propia para os xuíces e fiscais poderen exercer en territorios de dobre oficialidade. Deste xeito, aínda celebrándomos o paso adiante que supón a implantación do programa Atenea, sospeitamos que aínda exercerán nos xulgados galegos algúns xuíces "de paso" que –polo que sexa– non terán interese en aprender a lingua propia do país.


Mais non nos queixemos deles sen antes condenar o feito de moitos xuíces galegos non amosaren ningún respecto nin aprecio polo galego no seu labor profesional e deste xeito condicionaren os usos lingüísticos de funcionarios e cidadáns. Ese será o seguinte chanzo, agora celebremos moito este enorme avance que, insisto, depende totalmente da vontade e dilixencia da Xunta para o levar adiante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario