por Daniel Chapela, no Nós Diario:
En outubro de 2024, após unha enquisa do IGE demoledora a respecto do emprego do galego no noso país, o conselleiro de Lingua da Xunta de Galicia, José López Campos, apurouse a prometer un Pacto pola Lingua, unha proposta que naceu morta desde o mesmo intre en que se trazaron liñas vermellas no mesmísimo punto de saída. Aquela proposta tiña 15 meses para se materializar, un prazo que vence neste mes no que xa encaramos a recta final. Onde está?
López Campos tivo que realizar unha tarefa profundamente difícil: por unha banda, tentar opacar a súa incompetencia para ostentar as responsabilidades que lle foron outorgadas; pola outra, tentar opacar o resto da Consellería para que ninguén puidese ocupar demasiado foco público. En contraposición co conselleiro anterior, algunhas secretarías como a de Lingua caeron profundamente no relativo á súa visibilidade. Un neno, senón, percorrería os corredores de San Caetano para, como no conto de Andersen, proclamar que o rei ía nu. Despois da grande opacidade coa que foi tratado este célebre Pacto, a demora de Campos en reunirse con diferentes entidades –A Mesa tivo que agardar máis de oito meses– e as incoherencias á hora de nomear os coordinadores da renovación, vai practicamente media lexislatura fóra e desa 'fantasticular' proposta nada se sabe.
Os datos recentes demostran tamén un baleirado progresivo do país e as previsións para as vindeiras décadas non son en absoluto esperanzadoras para nós. A necesidade de estimular o crecemento demográfico propio, de aumentar a taxa de natalidade do pobo galego, é, sen lugar a dúbidas, o reto do século XXI, unha misión complexa, mais fundamental nun contexto de avellentamento e emigración. Ironicamente, mentres Galicia recibe as cotas máis altas de inmigración de toda a historia recente, os galegos seguen tendo que marchar fóra, na procura dos traballos cualificados para os que se formaron nalgunha das nosas universidades.
O modelo actual, no que os inmigrantes chegan a superar o 30% da poboación nalgúns barrios do país, estase a demostrar como un fracaso colectivo e as políticas estatais non deixan de sementar polémicas. Tampouco o aloxamento de inmigrantes con cargo a fondos públicos en vilas como Bueu, con moitos veciños que ven como, posteriormente, boa parte destas persoas marcharán cara a Francia ou outros Estados despois de seren sostidos cos nosos impostos. Precisamente, a inmigración fixo parte do argumentario sobre a caída de galegofalantes, unha escusa peregrina absurda que tentou botar balóns fóra. En primeiro lugar, porque os nenos galegos tampouco falan galego. Pero, ademais, porque ese dato só vén demostrar o fracaso das presuntas políticas de integración (que fai a Deputación de Pontevedra ofrecendo cursos de español para inmigrantes e non de galego, por exemplo).
O modelo percíbese como quebrado a todos os niveis incluso entre votantes de esquerda, mentres forzas como Aliança Catalana se sitúan no centro do debate cun rexeitamento total cara á inmigración –a diferenza de Vox, detestan tamén a chegada de suramericanos–. Cómpre reavaliarmos a situación actual e preguntarnos que futuro podemos proxectar coas nosas competencias e coas nosas políticas, procurando un termo medio real entre as portas abertas e o rexeitamento absoluto. De non o facer, as nosas Administracións só seguirán constatando o desleixo pola política, pola que de verdade transforma un pobo e un territorio. Que dirá de todo isto o Pacto pola Lingua?

Ningún comentario:
Publicar un comentario