Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 28 de xaneiro de 2026

Ciencia en galego: desexos e propósitos para o ano novo

 


Leonor Parcero no Nós Diario:


Aínda se pode dicir feliz ano novo? Supoño que si, tendo en conta que é a primeira vez que me dirixo a vós neste 2026. Como moitas, imaxino que empezo o ano un pouco inquieta, algo pesimista, especialmente polo que está a acontecer fóra das nosas fronteiras, nun contexto global de conflitos interminables, de desgaste democrático. Pensar en propósitos de ano novo, máis alá da esfera estritamente individual, e formular desexos científicos colectivos non é tarefa sinxela, mais non é imposible. Podemos comezar por propoñer cambiar ou mellorar pequenas cousas que si están da nosa man e coas que podemos marcar a diferenza. Ir tomando decisións realistas e asumibles, como seguir normalizando o galego na ciencia.


Normalización da lingua

O persoal investigador desenvolve gran parte do seu traballo en inglés: os artigos científicos que len e escriben están en inglés e esa é a lingua vehicular en xuntanzas e congresos. Tamén a linguaxe técnica que empregan bota man, fundamentalmente, do inglés. Ata o día de hoxe, non foron poucas as persoas que se achegaron a min para comentar que, se xa lles custa falar das súas investigacións en castelán tentando non empregar termos científicos en inglés, moito máis se lles complica facelo en galego. Fronte a esta barreira, as institucións ás que pertencen poden dar un paso adiante e ofrecer tanto asesoramento en canto ao léxico e terminoloxía científica como formación e espazos seguros para gañar confianza antes de se enfrontar ao público, un público que tamén desexa e ten dereito a recibir información e a comunicarse cos científicos e científicas na lingua propia.


Avanzar neste camiño non sería custoso para a maioría das entidades, especialmente para aquelas que contan cunha Unidade de Cultura Científica e da Innovación na súa estrutura, e, estou segura, tería un grande impacto. Os centros de investigación non son só espazos de produción de coñecemento: son tamén institucións públicas con responsabilidade social. A normalización do galego na ciencia non require reformas imposibles, senón pequenos cambios asumibles que, sumados, poden ter un impacto real.


O persoal investigador e as unidades de comunicación ou cultura científica destes centros crean interesantísimos materiais divulgativos e didácticos, en todo tipo de formatos. Garantir que estes contidos existan tamén na lingua propia melloraría o acceso ao coñecemento e reforzaría a función pública dos centros. Se o persoal se sente avalado para comunicar a súa ciencia en galego no contexto máis próximo, ben seguro axudará a seguir ampliando recursos como vídeos, contidos para redes sociais, podcasts, libros etc. Uns produtos creativos que tanto atraen ao público coma a unha parte moi importante do persoal científico que se involucra no proceso de creación.


Ciencia aberta

O paradigma da ciencia aberta e da ciencia cidadá representa unha oportunidade estratéxica ao derrubar barreiras tradicionais entre quen produce o coñecemento e quen o recibe. Estes modelos apostan pola transparencia, a participación e a accesibilidade, uns principios que encaixan de maneira natural co uso da lingua propia. Se a cidadanía participa en proxectos científicos, recolle datos, formula preguntas ou accede aos resultados, facelo na súa lingua non é só lóxico, senón que semella case imprescindible para garantir unha participación real e non simbólica.


Incorporar o galego na ciencia aberta significa recoñecelo como lingua válida para pensar, explicar e construír coñecemento colectivo, ao tempo que se reforza a conexión emocional, a confianza social na ciencia e o compromiso coa investigación feita desde e para o territorio.


Pequenos xestos transformadores

Se cadra, todo o anterior parece, unha vez máis, fóra do alcance individual, pero cada unha de nós ten o seu papel e pode provocar cambios significativos na súa contorna. Ás veces, os xestos máis pequenos son os máis poderosos: responder en galego a un científico ou científica galegofalante nunha xuntanza, animar ás compañeiras de traballo a instaurar os "venres en galego", traballar a confianza e compartir as dúbidas de léxico máis técnico, preparar as presentacións ou os materiais divulgativos tamén en galego son accións asumibles, realistas e cunha resposta sempre positiva por parte da sociedade, que poden desencadear un cambio nas institucións sen menoscabar o rigor, o alcance nin a internacionalización da ciencia producida no distintos centros. Comeza o 2026, en galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario