Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 21 de febreiro de 2026

RC Celta: lingua e identidade

 


por Xosé Henrique Costas, no Nós Diario:

O estadio de Balaídos é municipal pero de uso case exclusivo do RC Celta de fútbol grazas aos convenios que se asinan periodicamente entre o Concello e o club. A finais da década de 1980, coincidindo cunha das renovacións do convenio de uso do estadio, o Goberno municipal de Manuel Soto, por suxestión do funcionario e membro da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística (AFNL) Xesús Costas Abreu (Suso Costas), introduciu unha nova cláusula: que a megafonía do estadio debería ser sempre e só en lingua galega.

E dun día para outro as aliñacións, os avisos de coches mal aparcados, as chamadas para asistentes aos encontros, as instrucións ao público etc. déronse sempre en galego. E todo foi normal. Pasamos ao galego coa mesma normalidade coa que na megafonía soaba maiormente música galega, sobre todo a "Foliada do Celta", do grupo A Roda, o himno paraoficial do equipo.

En anos posteriores, grazas ao labor teimudo e convincente da chorada amiga Marta Souto, celtista acérrima, fundadora da peña Xuventudes Celestes e xefa do Servizo de Normalización Lingüística de Vigo, así como ao pulo da Federación de Peñas ou de grupos de afeccionados como Celtarras ou o grupo musical Keltoi, o Celta foi incorporando paseniñamente o galego a moitos ámbitos diarios como empresa deportiva. Os socios e socias empurraban e o club non tiña problema ningún, o factor simpatía pola lingua era absoluto.

Pero nos últimos anos o RC Celta estase a converter na institución que máis cousas fai a favor da normalización lingüística do galego –sobre todo entre a mocidade–, moito máis cá Xunta (a anos luz) ou as universidades. A súa leda e decidida aposta pola nosa lingua e pola nosa cultura é exemplar e admirable e enche de orgullo a calquera galego.

Nos minutos previos dos encontros en Balaídos teñen actuado Abraham Cupeiro co seu cárnix, As Tanxugueiras, Mondra, Caamaño & Ameixeiras, ranchos folclóricos de parroquias da bisbarra, bandas de música tradicionais, treboadas do Baixo Miño etc.; mesmo teñen desfilado as pantallas de Xinzo cos fulións e boteiros de Viana do Bolo, e non hai moito, tamén, actuou a Nova Galega de Danza cun espectáculo impresionante de beleza e innovación a partir do clásico.

Música, entroidos, danza, lingua, todo o noso, toda a tradición e a identidade galegas teñen agora cabida en Balaídos da man do Celta. Moito hai que parabenizar os responsables do club que soñan e fan efectiva esta campaña de amor e orgullo polo noso. E envolvendo todo isto: a lingua. Fútbol si. Galicia e o galego tamén. Todo no mesmo cesto e todo celebrado con entusiasmo e fachenda pola afección. Mil parabéns como mil primaveras a Gael García, director de Mercadotecnia e Comunicación, a Xosé Ramón Bastos, xefe de prensa do RC Celta, e a toda a directiva de Marián Mouriño.

E que podemos dicir do novo himno do centenario, "Oliveira dos cen anos", composto por C. Tangana? Na súa elaboración colaborou todo o tecido cultural e musical da comarca: a coral Casablanca, a Escola de Música Tradicional ETRAD, os Keltoi de Sime Cantó, Xisco Feixoo, Lilaina, As Lagharteiras etc.

Foi en galego, tivo detalles coa nosa tradición das cantareiras e asemade co noso rock máis rabudo e reivindicativo, e o vídeo da canción é absolutamente identitario e marabilloso, centrado na illa de San Simón, lugar referencial e reverencial para toda persoa que coñeza e ame Galicia. E non esquezamos que esta peza musical foi gravada en estudios de Vigo e da Coruña, pois o Celta, con todo este esforzo de valoración identitaria, estase a presentar como un equipo orgulloso do seu país, desde Aguiño a Cacabelos e desde Ortegal ao Miño.

É unha alegría exemplarizante sentir como os xogadores que veñen da canteira celeste –rapaces de Poio, Cangas, Moaña, Narón, Mondariz, Ponteareas, Tomiño, Vigo, Gondomar, Ourense– se expresan con soltura en galego. Todos agás o adestrador, que en canto perda o medo ou a inseguridade seguramente se lanzará a falalo. Sabemos que o mexicano Marco Garcés está a aprender galego. A que esperan a presidenta e o adestrador? Non poden seguir a desentoar do sentir do club.

O exemplo debería prender, e así clubs como Villalbés, Villalonga, Sarriana, Arosa ou Coya poderían comezar por galeguizar cadanseus nomes. Que o equipo do norte pasase a chamarse Deportivo DA Coruña sería un paso simbólico moi importante. Daquela si que darían gusto os derbis en primeira. A lingua ten que permear e estar presente en toda a sociedade, e tamén no eido deportivo de masas, onde produce un efecto multiplicador.

Ningún comentario:

Publicar un comentario