Orella pendella é o portal da literatura popular infantil de Galicia mantido por Carlos Yus. O seu obxectivo é que este noso patrimonio siga sendo unha ferramenta educativa e de lecer para os/as galegos/as do século XXI. A razón de ser deste proxecto é que debido ós cambios producidos nas formas de vida e nas actividades de lecer dos rapaces e rapazas, corremos o perigo de perder esta riqueza definitivamente.
Orella pendella pon o foco onde nun punto fundamental pero moi pouco coidado na normalización lingüística e nada traballado desde a administración: a transmisión interxeneracional. A contribución da Xunta neste aspecto consistiu nun decreto que deixou prácticamente a cero o ensino infantil en galego na maior parte das escolas.
Como o que eu atopei na Orella pendella foron pequenas e agradables sorpresas, véxome na obriga de recomendar un pausado paseo por este portal. Por poñer un par de exemplo, eu un bater con este recitado que tiña esquecido, e que me contaban cando era cativo en Ribeira. Na variante que eu coñecía, no canto dun diálogo cunha terceira persoa no chuchurruchú ¿a onde vai a vella?, lembro outro no que o diálogo era coa propia vella e con outro retrouso: touporroutou, a onde vas vella?
Tamén teño esta variante de recitado para aloumiñar, desta volta da Estrada, para xogar coas criaturas:
Este queixo, queixolán
esta boca pide pan,
este ollo "pispirete",
este, irmau deste,
este "naris", "narisete",
Arríncohe! cabalete
Explicación:
Mentres di o recitado, o adulto acaricia as partes do corpo nomeadas facendo círculos co dedo indicador. No último verso fai coma quen que lle arrinca o naríz
Ningún comentario:
Publicar un comentario