Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 1 de agosto de 2013

por Mercedes Queixas Zas, no Sermos Galiza:


De entre todas as puntuais citas que cada ano convocan ao sector sociocultural vertebrado ao redor da industria que xera e promove o libro e a lectura hai unha que ten unha identidade ben definida: a entrega do Premio Biblos-Pazos de Galicia.
Nestes primeiros dez anos de traxectoria comprometida por parte dos seus máximos artífices, Tucho Calvo e Carmela González, foi agromando unha nova galla para a árbore milenaria das letras galegas, multiplicada desde a expresión narrativa de sete mozas e dous mozos que verifican a actualidade e vitalidade plena dunha literatura que sabe o que é e o quere ser cara o futuro.
Mocidade que decide escribir na lingua de seu para, canda a súa gratificación persoal, recoñecer desacomplexadamente e pór en valor publicamente unha opción lingüística de compromiso de vida e traballo pola que tantas veces han ter que dar conta en presentacións, roldas de prensa, entrevistas nos medios de comunicación e tamén na rúa: e por que escribes en galego?; e para cando a túa primeira obra en castelán?
Unha xeración galega nova que foi coeducada desde a escola na adquisición de competencia lingüística en galego, aprendendo a ler, escribir, comprender e falar, recollida en porcentaxes de amplificación cuantificadoras moi positivas na comparativa que para este item podemos verificar entre o Mapa Sociolingüístico de Galicia de 1992 e o de 2004; destrezas e habilidades que, por certo, lles foran negadas ás xeracións predecesoras que hoxe andan por volta das catro décadas de vida e que deben asistir a cursos e superar as probas CELGA para certificaren o seu nivel de coñecemento de lingua galega, en moitos casos ben recoñecido no seu uso social diario.

Canto tería equilibrado aquel deber inicialmente redactado na Lei de normalización lingüística de 1983 para o coñecemento do galego, suprimido por sentenza do Tribunal Constitucional ante un recurso presentado por Domingo García-Sabell, delegado do Goberno central na Galiza e á vez presidente da RAG, co que verdadeiramente se procuraba unha relación de igualdade honesta xunto co deber único e finalmente legal de coñecemento do castelán que si sobreviviu!
Sorprenderase esta mocidade xa recoñecida como escritora na súa volta á escola primaria e secundaria, que hai tan poucos anos abandonaron, ao constataren todos aqueles espazos educativos e relacionais vetados para o galego na escola no último lustro. Iso si, todo un sacrificio abenzoado en nome do plurilingüismo!
Mesmo é probábel que nunha visita aos seus centros educativos confirmen na entrada un novo cartón nominal de presentación que acrecente -semella que aquí nace e morre a capacidade de sumar, engadir, incluír e integrar por parte da Administración educativa- esa condición de centro plurilingüe.
Na resolución provisional da convocatoria para a incorporación de novos centros á Rede de Centros plurilingües, publicada o pasado día doce de xullo no portal da Consellería de Cultura e Educación, comprobamos como continúan a se sumaren 35 centros a esta rede, 28 para iniciaren esta oferta educativa en 1º de primaria e 7 en 1º de ESO.
Unha das disciplinas que serán impartidas no próximo curso que se inicia en setembro en 1º de primaria en inglés (o concepto de impartición dunha materia en lingua estranxeira esváese na presentación da devandita convocatoria para ser abducido polo fenómeno inglés), mais que é obrigado manter ao longo de toda esta etapa, é a materia de coñecemento do medio natural, social e cultural, a única nesta etapa de obrigada impartición en galego. Unha materia que, segundo a literatura legal, tenta proporcionar ás crianzas recursos para coñecer o contorno cotián, para aprender a vivilo, respectándoo, conservándoo e transformándoo para melloralo.
O triple salto mortal chegou á escola: o profesorado galego debe axudar o alumnado que acaba de estrear os seis aniños a comprender a realidade, desenvolver actitudes críticas e de respecto das diferenzas, usando como recurso o coñecemento do contorno propio, mais iso si, tendo como lingua de aprendizaxe para todo iso o inglés!
Deste xeito, das inicialmente oito horas de clases en galego que a lexislación obriga, nestes centros plurilingües pódense reducir a catro dun total de vinte e cinco horas de docencia á semana repartidas entre castelán e inglés.
A exclusión do galego da escola inicial obrigatoria galega amosa así a súa peor cara nun espazo educativo común e nada casual: todos eles son centros privados concertados.
Ben sabemos que o chamado decreto para o plurilingüismo demanda dos profesionais do ensino que, nesta etapa central para a formación, o acceso ao coñecemento posterior e a autonomía do individuo, se garanta a adquisición da competencia lingüística nas dúas linguas oficiais, mais non parece acompañarse da metodoloxía axeitada, nin para centros urbanos de ambientalidade castelanfalante, onde o primeiro encontro co noso idioma propio é na escola, nin para os rurais, onde se inicia o proceso de estigmatización negativa desa lingua aprendida na calor e nos afectos da casa.
Que lingua escollerán os escritores e escritoras de mañá e pasadomañá?
Nesta sociedade coroada polas sombras ameazadoras e cavorcos mortais das S.A, convirtámonos en sociedade anónima fecunda e implicada que impida que o que a sociedade crea non o destrúa un goberno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario