Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 27 de abril de 2019

A descompensación lingüística

por Xurxo Martínez González en Luzes:


Joan Tardá: ¿Tengo derecho a responder en catalán?
Xuíz Manuel Marchena: No.

Esta secuencia viviuse na sala do Tribunal Supremo que xulga o Procés. Ten un aquel lingüístico que expresa, con rotunda negativa, unha situación de desigualdade idiomática. A pregunta é directa, a resposta é monosilábica.


Antes sucedera outro episodio semellante. O máximo órgano xudicial explicou a imposibilidade de ofrecer a tradución simultánea aos acusados, en virtude do principio de publicidade, e propuxo a tradución consecutiva. Isto acontece no século en que a humanidade deseña construír comunas humanas na Lúa ou pecha as persianas de casa cun móbil a centos de quilómetros.

Non hai equivalencia ante un órgano da Administración de Xustiza. Recoñécese o dereito no papel (no caso das persoas acusadas, non no das testemuñas) mais atráncase a práctica.

Esta postura renxe coa normativa. O Estado español asinou, co maior grao de compromiso, a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (2002). Este tratado ten carácter internacional e así se insire no ordenamento xurídico español. En consecuencia, é de obrigado cumprimento, incluído o punto 10.1.C que afecta ao tema deste artigo. Pero aquí, como din os vellos, é coma ter tose e rañar o carallo.

A sabedoría popular é directa malia que ás veces resulte groseira praos máis finolis. Mais é certo que se incumpren os acordos adquiridos. A citada carta rubricouse cando Aznar e Pujol eran parella no tute subastado. Mais a execución, para o caso galego, deixouse a barbeito pois entón Fraga xa non tiña ni tutelas, ni tutías ni ná.

O 2 de abril iniciouse a campaña da renda 2018. A aplicación informática para presentar a declaración en galego posúe un feixe de erros ortográficos e gramaticais como resultado da tradución automática que nos retrotrae o estilo Desván de los Monjes.

Á inversa, que sucedería? Imaxinemos un texto en castelán cun regueiro de grallas. Neste estado, onde o show businnes domina o debate intelectual, aparecerían improperios arredor da formación do autor do merecido suspenso. Para o caso galaico a resposta sería, máis ou menos: «de que te queixas! Non está ben de todo pero cando menos está en galego». E todo así: dálle corda e a correr.



A lingua galega merece respecto, como calquera lingua. Os falantes meréceno igualmente. Este é o punto de partida nun estado en que o 43% da poboación é bilingüe. Ademais existe unha lexislación que nos ampara. Exercermos estes dereitos é unha obriga para advertir ás autoridades de casos de marxinación e menosprezo, como para desmontar as mentiras bífidas.

A Administración é un servizo ao dispor da cidadanía. Non debemos ser nós quen esteamos detrás, de maneira constante, na defensa de dereitos senón que debe ser ela quen os garanta como cumprimento da norma. Isto é especialmente grave no caso da Administración Xeral do Estado. Nunha queixa que presentamos á responsable do órgano tributario en Galiza respondeu admitindo que posuíamos o dereito a ser atendidos en galego (oral e escrito) pero non hai suficiente persoal formado nin mecanismos informáticos habilitados que nolo garantan. Unha explicación tan rotunda como a resposta de Marchena.

Eles recorren advertíndonos que a lingua oficial da Administración Xeral é o castelán mais descoidan que se de inicio nós usamos o galego, eles teñen o deber de continuar o procedemento nesta lingua. Eles indícannos que temos o deber de coñecer o castelán (3.1 da CE) mais sempre desatenden a protección do «libre desenvolvemento da personalidade» (10.1 da CE). Eles pechan os ollos ante a citada Carta e pechan as orellas para non ouvir a declaración da ONU sobre a consideración dos dereitos lingüísticos como parte dos dereitos da humanidade.

Visibilizarnos e alertar desta deficiencia é un deber. A Asociación de Funcionarios/as para a Normalización Lingüística propón unha campaña («Eu declaro a renda en galego. É lóxico. Por dereito») dirixida os contribuíntes, pero con terminal na Administración Xeral do Estado. A iniciativa, ademais, tamén promove a complicidade de xestorías, sindicatos e asociacións nesta acción galeguizadora. En paralelo mantemos varias denuncias ante a discriminación lingüística.

É un tempo de resistencia. O presente é hostil á diversidade de todo tipo. O uniformismo é a consigna. Que a inspección persiga a mestra de mates da Pontenova por falar galego nunha aula de galegofalantes, mentres se incumpren decote o uso do galego nas escolas públicas e privadas, é un síntoma de que o país está patas arriba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario