Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 14 de abril de 2019

Roteiro polo cemiterio de San Francisco (Ourense)



Hai un ano Alfonso Vázquez Monxardín guiaba un roteiro polo cemiterio de San Francisco, situado nas abas do Montealegre. Tratábase dunha das actividades programadas pola Fundación Otero Pedrayo. O vídeo non ten outro mérito que o dun certificado dixital da celebración dese roteiro. Con todo, se un accede a este wikiloc creado polo propio Monxardín, comprobará que o paseo paga a pena.


Powered by Wikiloc


Cun ano de atraso fun dar ata este camposanto. O estado de abandono e descoido é a primeira e a última impresión que levei do percorrido. Unha mágoa enorme que un lugar cheo de memoria galeguista e inzado dun rebumbio de tumbas fermosas, se é que tal adxectivo pode acompañar a tal outro substantivo.
No wikiloc de Monxardín hai información abonda sobre a localización e a descrición das personaxes. Con todo, vou deixar por aquí o percorrido que fixen eu, máis modesto, pero que dá para invitar a calquera a que repita a experiencia. A seguinte lista de fotos pode ser guía para un percorrido polo cemiterio e pode axudar a identificar as tumbas xa que, dentro dese estado de desleixo, non hai ningún tipo de indicación que nos permita facelo se non é confiando na propia pericia.

Monumento aos fusilados na Guerra Civil

Florentino López Cuevillas

Valentín Lamas Carvajal

Ramón Otero Pedrayo

Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey)

Rodolfo Prada

Xaquín Lorenzo Fernández (Xocas)

Eduardo Blanco Amor

Para finalizar o percorrido, moi preto da entrada, tamén descansa a pobre Asunción,  muller ourensá, asasinada por unha ex-parella súa o venres santo de 1891, que lle disparou ao vela acompañada doutro home. Cada 25 de novembro, na celebración do Día contra a violencia machista, fáiselle unha ofrenda floral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario