Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 3 de abril de 2019

O asasinato do pensamento

por Iván Arias, na Praza Pública:


Falarmos de morte conduce sempre ao mesmo estado de desacougo, unha terríbel inquietude percorre o corpo enteiro. Mais esta aflición non se torna aparente ao reflectirmos na morte dunha lingua, ou no asasinato -termo que acae mellor. Porén, a meirande parte da poboación non ousa condenar políticas destrutivas contra o pensamento mesmo. Pois non divagando, as linguas sustentan os nosos xuízos e meditacións.


Desde este enfoque é inviábel que alguén poida obstaculizar a normativización e normalización dunha lingua, pois isto sería equivalente a cortar de raíz as ás daquela xente que quixer voar alto cavilando no idioma propio. Por desgraza, isto acontece na Galiza en milleiros de ocasións e o poder mantense estático.

As crianzas non teñen dereito a seren instruídas na lingua mai, porque por decreto da Xunta de Galiza (Decreto 79/2010) as aulas das materias do ámbito científico teñen de ser en lingua castelá. Eis ficaría a concorrida imposición, semellante a un xugo que vimos carrexando de vello, que deturpa a lingua até o punto de non distinguirmos o autóctono, emitindo sentenzas impregnadas de castelanismos.

Profundo estremecemento ao ouvir “iso é galego de agora, nunca se dixo así”, denotando a crecente penetración dun léxico orixinariamente forasteiro, que suplanta a estrutura lingüística propia. Isto grazas á Administración principalmente, que focaliza na necesidade de tapar aquelas fórmulas diverxentes co castelán, que mostran todo o que difere da falsa unidade nacional.

Metémonos devagar e inconscientemente nunha cova de difícil saída. A cova da morte por inanición. Sen posibilidade de retorno. Cómpre tomar medidas para facerlle fronte ao asasino, pois acabar co idioma supón tamén o exterminio da capacidade de matinar. Ficaremos nus: sen armas para combater o inimigo asasino da lingua -e, por antonomasia, da cultura

Ningún comentario:

Publicar un comentario