Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 9 de abril de 2019

Unha resposta para tres chaquetas




O pasado 15 de marzo, nun acto patrocinado pola  Irmandade Xurídica Galega no que se lembrou cunha placa a primeira sentenza en galego nos xulgados de Marín,  homenaxeouse aos maxistrados precursores Sandra Piñeiro e Xermán Varela.


O avogado Avelino Ochoa, vestido cunha americana azul, lembrou que a homenaxe demostra que vivimos nun Impaís,
"que nesta especie de mundo ao revés xa non sei se queda ou non, esperanza para o galego, polo menos, neste ámbito da comunidade xurídica"
"O índice de demandas, resolucións e sentenzas escritas en galego é ínfimo e mentres tanto a Lei de Normalización Lingüística vai cumprindo anos"
O maxistrado Xermán Varela Castro, que gastaba unha chaqueta de punto, destacou o alto uso do galego pola cidadanía cando son os funcionarios da xustiza os primeiros en empregalo, pola contra se non o falan tampouco o falan os cidadáns.
"Seguimos sen ter un sistema informático en galego, seguimos sen ter un sistema informático que permita vehiculizar a actividade cotiá no noso idioma. Non unha mera tradución dalgún documento. Seguimos sen un acceso xeralizado, sen unha promoción seria do que foi o gran dicionario xurídico galego e levamos anos repetindo isto, cada vez que nos atopamos, e seguimos sen conseguilo. Pero iso, estas críticas que xa repetimos e levamos moitos anos, hoxe estamos peor. E estamos peor porque escoitamos tambores de uniformidade que nos chegan de fóra e que nos veñen a dicir que queren que tratemos o galego como pouco menos que un "detallito cultural", unha excentricidade folclórica, pero que non sexa empregado, que non sexa requerido, que non sexa valorado no exercicio da Administración."
A maxistrada Sandra Piñeiro Vilas, cunha chaqueta bordada en dourado,  explicou en que consiste o voluntarismo lingüístico que fan algúns na administración de xustiza: trátase de entrar na aplicación infomática, baleirar de contido os documentos íntegramente en castelán, aplicar un tradutor, revisar o resultado do tradutor, e por fin, comenzar a cubrir o formulario en galego.
"A promoción da lingua ten que vir desde os poderes públicos, e a aplicación informática está íntegramente en castelán."

A resposta
Finalizou o acto coa resposta de Valentín García, secretario xeral de política lingüística, quen se viu na obriga de dar resposta ás demandas expostas polos participantes anteriores

"Se algún ámbito dentro da Administración lle foi negado ao galego e ás demais linguas minoritarias, este foi o da xustiza [---,] nunca o galego tivo presenza na xustiza ata os tempos contemporáneos e isto lévanos a pensar que hai algunha causa [...] A administración de xustiza utiliza unha lingua de especialidade, de orixe culta, e que ten que ser precisa. Isto, xunto con outras condicións de orixe administrativa, estrutural como a dependencia da Administración Xeral do Estado. Tamén o débito coa documentación xerada con anterioridade e tamén as responsabilidades da Administración que seguramente temos moito por facer aínda"
Sobre as reclamacións dun programa de tramitación en galego, a contestación entra do absurdo pois ao non facer referencia á tradución do Minervao ao galego está indicando que o goberno non ten previsto tal actuación. Pero o máis disparatado foi a referencia ao Plan Senda, un proxecto de dixitalización da Xunta que nada ten que ver coas demandas feitas.
"Xa saeu aquí o programa informático Minerva que non ten unha tradución ao galego. É un programa que non foi creado en Galicia e que moi próximatemente imos ter reemprazado dentro do programa Senda que xa levará a que todos os expedientes que manexedes nos xulgados estean en formato dixital"

Velaquí como Valentín respondeu ás tres chaquetas, e deixou sen resposta ás persoas que as levaban. Sempre é así.



Ningún comentario:

Publicar un comentario