Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 23 de maio de 2019

A Xunta contra Rosalía de Castro


Digámolo ben claro, Rosalía de Castro é unha molestia para un goberno da Xunta empeñado en laminar a identidade galega. Cando todos os condicionantes estaban na súa contra, Rosalía escribiu en galego. Esta é a razón fundamental (e non declarada) pola que a Consellería de Educación non secunda a convocatoria de celebración do Día de Rosalía.
Só nunha ocasión, no 2018, a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) se atreveu a darlle pulo a esta xornada. O seu obxectivo era a da visibilización dos Centros de Estudos Galegos (CEG), e tivo a feliz idea de que desde cada un deles se recitara algún poema rosaliano. Entre outros os CEG de Cork, Granada, Budapest, Barcelona, Kiel, e Edimburgo participaron no evento. Isto debeu ser demasiado para unha Xunta que odia a identidade galega. Así que acabaron por eliminar todos os vídeos da canle da SXPL. Agora, se accedemos a esta páxina só veremos unha triste recompilación de vídeos eliminados. Unha metáfora da política lingüística que sufrimos durante esta década negra.
Como exemplo do que a SXPL eliminou deixo este vídeo do CEG da University College Cork (Irlanda), cunha versión trilingüe de Adiós ríos. Se accedemos ao You Tube veremos como na información sobre o vídeo se indica que

foi enviado á Secretaría de Política Lingüística para sumarse á campaña de vídeos dos Centros de Estudos Galegos para celebrar o día do nacemento da poeta.



Pois hoxe, este vídeo non o podemos ver no portal da SXPL, porque o eliminaron. Cómpre preguntarse que mal ten.

Ningún comentario:

Publicar un comentario